As mulleres de Ponteareas xa poden inscribirse no curso de TIC e empregabilidade

martes, 9 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A veciñanza de Ponteareas, especialmente a poboación feminina, vai ter en Ponteareas, a partir desta semana, unha relevante oportunidade para ampliar coñecementos informáticos e mellorar a empregabilidade. Estamos a falar do curso de alfabetización dixital, novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e busca de emprego para mulleres de 16 anos de idade que organiza a concellería de Benestar Social e Igualdade que dirixe Verónica Carrera.
A actividade formativa ten o prazo de inscrición aberto até o 23 de abril. As persoas interesadas en participar deberán apuntarse no Centro de Información á Muller (CIM) emprazado na rúa Oriente e aberto de 9.00 a 15.00 horas de luns a venres, ou no número de teléfono 981 57 64 69.
O curso impartirase no CIM de Ponteareas o venres 26 de abril e 3 de maio de 10 a 13 horas e a segunda quenda o sábado 27 de abril e 4 de maio de 10 a 13 horas. Esta formación está incluída no Plan de Igualdade que a concellería de Benestar Social deseñou con accións específicas para a muller e a concienciación.
Verónica Carrera explica que no plan de igualdade contémplanse varias liñas de actuación. Entre estas actuacións figuran o “fomento da equidade de xénero”, o “empoderamento persoal e colectivo” e un programa de actividades de educación afectivo-sexual entre o alumnado da ESO.
Ao longo do ano desenvolveranse actuacións como a de creación de pequenas empresas no rural para rematar coa discriminación no ámbito sociolaboral ou aquelas destinadas a fomentar a equidade de xénero entre a poboación adolescente, entre outras accións.

PUBLICIDADE