As pantallas de erro de Windows 11 poderían ter fondo negro

venres, 2 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Esta semana comezaron as probas de Windows 11 dentro do programa Insiders, e aínda que non están dispoñibles moitas das prestacións anunciadas da grande actualización de Windows 10, si están presentes as novidades a nivel de interface de usuario, de xeito que podemos atopar detalles visuais que marcarán o futuro dos escritorios informáticos, entre os que sorprende un cambio que, sen ter impacto real no funcionamento do sistema, eliminará do noso vocabulario a expresión pantallazo azul (en inglés Blue Screen of Death ou BSOD).
Windows 11 conta con pantallas de acendido e apagado con fondo negro, de aí que teña sentido que as pantallas nas que amosan erros críticos adopten tamén esa combinación de cores, o que tamén resulta curioso en inglés xa que as cores azul e negro teñen a mesma inicial, de xeito que as siglas BSOD poidan manterse á hora de falar de pantallas de erro normalmente provocadas por fallos graves de hardware ou memoria.
O cambio da cor das pantallas de erro de azul a negro non está confirmado por Microsoft, pero parece bastante probable, xa que resulta evidente que a compañía de Redmond busca que Windows 11 teña unha estética bastante doada de diferenciar, para asentar a súa nova identidade.

PUBLICIDADE