As persoas inscritas nas listaxes de técnicos sanitarios poden consultar a nota no seu expediente en liña

martes, 15 de maio do 2012 Raquel Noya

A directora de Recursos Humanos do SERGAS, Esperanza Fernández Lago, anunciaba a posta en marcha do Expediente-e único do profesional en xullo do pasado ano


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se da publicidade ás puntuacións e número de orde das listas de admitidos e excluídos en varias categorías profesionais do SERGAS.
Do mesmo xeito, as persoas que figuren nestas listas e desexen consultar o detalle da súa puntuación ou, de ser o caso, as causas de rexeitamento dalgún mérito, poden facelo a través da consulta en liña do seu expediente electrónico, posto a disposición dos interesados na Rede de xeito totalmente transparente.
Estas son, segundo afirman dende o organismo público, “as primeiras listas con baremación automática que se poden consultar en soporte electrónico” o que permitiu, por outra banda, reducir os prazos de publicación de listas nun 50%.
Dende o inicio do Expediente-e no mes de xullo de 2011 máis de 2 millóns de usuarios accederon a este sistema, creáronse 120.000 expedientes e rexistráronse cerca de 900.000 méritos relativos a experiencia, formación, actividade científica e investigadora, idiomas, etc. Tamén se realizaron 30.000 inscricións nos procesos de recursos humanos abertos.
O SERGAS anunciou que publicará en breve, mediante o mesmo sistema virtual, a listaxe de admitidos e admitidas de PSX, celadores e auxiliares administrativos, cuxo prazo de inscrición rematou o pasado 31 de xaneiro de 2012.

Próxima convocatoria
Asemade, as próximas listas a convocar serán médicos de familia e pediatras, coincidindo, segundo afirman, coa finalización dos MIR.
Xa no mes de maio, a entidade anuncia que publicará, a través da ferramenta electrónica, o concurso de traslados de facultativos especialistas.
A través deste expediente profesional único, todo o persoal que traballa no sistema sanitario público galego poderá ver a súa vida profesional, participar nos procesos e consultar os resultados.

PUBLICIDADE