As pinturas rupestres de Penedo Gordo e Penedo do Gato-Lobarzán xa se poden visitar virtualmente
luns, 5 de xullo do 2021
As pinturas
rupestres esquemáticas prehistóricas situadas en Penedo Gordo
e Penedo do Gato-Lobarzán (Ourense) xa se poden visitar
virtualmente. Para iso, un equipo multidisciplinar da
Universidade de Vigo lanza unha plataforma en liña que integra
múltiples recursos que permiten somerxerse no coñecemento destes
xacementos.
A
iniciativa, realizada no marco do proxecto Inou 2020 PreMedia.
Creación dun contorno virtual para a interpretación patrimonial de
sitios con pintura rupestre esquemática da comarca de Monterrei,
estivo financiada pola Universidade de Vigo e a Deputación de
Ourense, ademais de colaborar coa DXXG. Esta comprende dúas liñas
de traballo. Dunha banda, aparece PreMedia 1, coordinada
por Beatriz Comendador, profesora da Facultade de Historia,
mentres que doutro, créase PreMedia 2, liderada por Fátima Braña,
profesora da Área de Antropoloxía Social e Cultural.
Beatriz
Comendador explica que o obxectivo é “difundir dous enclaves do
val do Támega dende a UVigo, localizados fóra do ámbito xeográfico
tradicionalmente tratado nos estudos sobre a arte rupestre galega,
peninsular e europea, mediante visitas virtuais con diversos recursos
interpretativos”. Ademais, engade que “pénsase que será de
utilidade para todas as persoas que queiran coñecer estes lugares e
achegarse ás manifestacións de pintura rupestre, xa que poden
acceder de xeito doado dende os seus dispositivos e explorar os
lugares e os contidos divulgativos, decidindo que queren ver e canto
tempo dedicarlle. Tamén pode ser de grande utilidade para facer
percorridos virtuais dende os centros educativos”.
No
caso do Penedo Gordo, a plataforma integrouse a información xerada
na intervención arqueolóxica de 2018-2019, financiada pola Xunta de
Galicia. Sen embargo, en canto a Lobarzán, fíxose unha intervención
específica de limpeza e documentación e integrouse o levantamento
topográfico feito polo Clube de Espeleoloxía A Trapa (Cetra) en
2019.
En
xeral, optouse por xerar un contorno de accesibilidade en liña
multiplataforma que integrase tanto os recursos de carácter
interpretativo derivados da propia documentación arqueolóxica dos
sitios (fotografías/fotogrametrías tratadas e calcos) coma os
elementos novos xerados para a visita virtual (fotografías 360º de
bóveda completa e voos de dron). Tamén creáronse textos en galego
e en castelán coa información dos puntos da visita e outras
informacións sobre os depósitos arqueolóxicos asociados, non
visíbeis
alí. A maiores, enriqueceuse a plataforma coa incorporación de
breves imaxes animadas xeradas expresamente para evocar diferentes
momentos temporais dos lugares recollidos e creáronse contidos
musicais específicos.