As principais produtoras, plataformas e creadoras de contidos do ámbito estatal daranse cita na xornada Conecta+

martes, 2 de xaneiro do 2024 S. P.

Os novos contidos, formatos, plataformas e proxectos audiovisuais do panorama galego e estatal protagonizarán un importante evento galego o vindeiro 20 de xaneiro, a partir das 10.00 horas na sede da Deputación de Pontevedra. Estamos a falar da xornada Conecta+, na que está programado que se dean cita as principais produtoras audiovisuais, plataformas e creadoras de contido da Península Ibérica, debatendo e intercambiando experiencias con creadores galegos.
As persoas interesadas en participar no encontro poderán formalizar a súa inscrición a través da web da Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización (CREA) ata este venres 5 de xaneiro.
En palabras da Deputación, a xornada Conecta+ é “unha ferramenta para poñer en contacto a creadores de Galicia con guionistas, profesionais da dirección e da produción interesados en desenvolver os seus proxectos, dotándoos de viabilidade económica e promovendo a construción de equipos que combinen talento e capacidade de execución”. O formato dos encontros é o das “reunións un-a-un” nas que os creadores que participen terán a oportunidade de presentar os seus proxectos a profesionais do audiovisual e recibir as súas opinións e orientacións para fortalecelos ou desenvolvelos.
Conecta+ enmárcase na iniciativa Conecta Lab, un programa impulsado pola Deputación de Pontevedra xunto con CREA, a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e a única entidade española especializada na xestión de dereitos de autor de obras audiovisuais, DAMA, para acompañar, impulsar e promover seis proxectos audiovisuais emerxentes de proxección. Cinco destes proxectos serán seleccionados antes da xornada entre as máis de 200 persoas que se presentaron á convocatoria do programa, aberta a finais de outubro e pechada o 30 de novembro. O sexto será elixido polas produtoras e creadoras de contidos entre os participantes inscritos na xornada Conecta+ que acollerá a sede da institución provincial en Vigo o 20 de xaneiro.
Os seis proxectos participarán entre o 19 e o 29 de abril nun laboratorio creativo na Illa de San Simón no que traballarán, recibirán formación e convivirán con recoñecidos profesionais do audiovisual. Na edición de Conecta Lab do pasado ano participaron profesionais como Óliver Laxe, Álvaro Gago, Iziar Bollaín, Celia Rico, Carlos Marqués-Marcet, Mikel Rueda, Laura Sarmiento e Fernando Franco.

PUBLICIDADE