As profesionais da ciberseguridade avogan por fomentar vocacións TIC dende a nenez
mércores, 9 de marzo do 2022
Este
8 de marzo, Día de Internacional da Muller, o Campus de Vigo acolleu
unha xornada destinada a diagnosticar a presenza feminina no ámbito
TIC galego e a pór o foco nas moitas e variadas materias pendentes
que aínda teñen as tecnoloxías (concretamente o ámbito da
protección dixital) en materia de igualdade. Segundo se fixo saber
na Xornada
Mulleres e Ciberseguridade, só o 18% das persoas tituladas no
ámbito da salvagarda de sistemas, ferramentas, canles e información
son mulleres. As participantes coincidiron na necesidade de “actuar
dende a nenez para desterrar estereotipos e fomentar vocacións”.
A
xornada veu da man de Ana Fernández Vilas, directora do Mestrado
Interuniversitario en Ciberseguridade (Munics) e polo profesor do
Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática e coordinador
do título propio de Especialista en Ciberseguridade Industrial, José
Ignacio Armesto. Na actividade catro expertas nest eido falaron sobre
as súas motivacións e experiencias ao longo do seu percorrido
profesional e analizaron as causas desta fenda de xénero e as
posíbeis solucións.
O
acto de apertura, que se celebrou no edificio Miralles, contou coa
presenza do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e da
directora de AMTEGA, Mar Pereira. Con parte tanto das relatoras como
do público de xeito presencial e parte en modalidade virtual, o
evento contou coa participación de Sara García Bécares,
responsábel do Diagnóstico de Talento en Ciberseguridade do INCIBE,
Instituto Nacional de Ciberseguridade; Esther Mateo, directora xeral
de Seguridade, Procesos e Sistemas Corporativos de ADIF; Belén
Pérez, CISO de Grupo Nueva Pescanova, e egresada da Universidade de
Coruña e Susana Rey, da oficina DPO de Grupo MasMovil, no que se
integra a operadora de orixe galega R. A encargada de moderar o
debate foi a devandita Ana Fernández, que explicou que estas catro
mulleres “proceden de carreiras de perfís moi dispares, pero todas
acabaron dedicándose á ciberseguridade, o que reflicte o carácter
multidisciplinar, transversal e multisectorial desta profesión.
O
reitor felicitou ás persoas organizadoras por un evento
“extraordinariamente interesante” que permite analizar “o
déficit de igualdade nas carreiras STEM”. Pola súa banda, a
directora de AMTEGA sinalou que “ante unha revolución dixital como
a que estamos a vivir, é unha obriga da sociedade que as mulleres
xoguen un papel activo en igualdade de condicións e que acheguen o
seu talento” para construír “un contexto dixital seguro e
confiábel para as persoas e para as empresas”. Mar Pereira lembrou
que no sector TIC europeo “só tres de cada dez persoas son
mulleres e, en España, isto redúcese á metade” e “isto é unha
perda de talento para esta revolución tecnolóxica que temos por
diante”.
Na
súa intervención, Sara García explicou que non existe unha falta
de mulleres na ciberseguridade, senón que é unha carencia, en
xeral, de profesionais. “Agora mesmo farían falta preto de 25.000
profesionais en España e esas cifras van seguir crecendo porque non
somos quen de formar tantos profesionais”, pero nestas titulacións
tecnolóxicas as mulleres son minoría. As cifras son claras, dixo,
xa que “só o 18% das persoas tituladas en ciberseguridade son
mulleres, pero se atendemos a perfís mixtos, como dereito e
ciberseguridade, esa proporción increméntase ata case o 50%, polo
que vemos que as mulleres están aí pero non lles chaman
suficientemente as titulacións estritamente técnicas”.
Sobre
as causas desta desigualdade, as catro expertas coinciden en que son
múltiples e diversas: unha educación sen referentes femininas, o
descoñecemento sobre as oportunidades laborais, os estereotipos
sobre a profesión e o mundo hacker, medo a enfrontarse a un
sector masculinizado...
As
catro participantes no debate coincidiron en que o punto de inflexión
para mudar esta situación está na nenez, polo que “cómpre
traballar nos colexios, nas familias... na universidade é xa tarde
para xerar vocacións”. Para isto, varias das participantes
traballan en programas de mentorización, como o InspiraSteam da
UVigo, para tratar de descubrir estas profesións entre as máis
cativas. “As nenas non poden elixir algo que non coñecen, e existe
un gran descoñecemento desta profesión e moitos estereotipos
arredor dela”, explicaba Belén Pérez.
Tamén
incidiron en desmitificar a dificultade das enxeñarías. “Temos
que amosar ás nenas que son tan capaces como os demais”, dixo
Pérez, ao que Esther Mateo engadía que “as mulleres facemos
cousas máis difíciles, como ser nais, pero ninguén se propón non
selo porque sexa difícil. Pero esa mensaxe ten que dala a sociedade,
as mulleres afrontan retos complicadísimos que asumen con
naturalidade, pero ás enxeñarías púxoselles unha etiqueta que
cómpre eliminar”.
Pola
súa banda, Susana Rey, experta en ciberseguridade e membro da
Oficina de Protección de Datos de R, incidiu na necesidade de
incluír a capacitación dixital como un contido transversal na
educación xa dende a Educación Primaria, e sobre todo en
Secundaria. “Nun contexto cada vez máis dixital, tanto nos ámbitos
privados como profesionais, os nosos mozos non están recibindo
suficiente formación para ser cidadáns dixitais responsábeis. É
imprescindíbel que isto cambie e que se inclúan nesa formación
coñecementos sobre ciberseguridade”, explicou Susana, engadindo
que do se trata é de que “os chamados nativos dixitais coñezan os
riscos asociados ao uso das novas tecnoloxías, e de pór as medidas
para evitar eses perigos”, continuou.
Para
Susana Rey, “só así podemos aspirar a unha sociedade máis
cibersegura e poderá tamén aumentar o número de mozas que decidan
orientar a súa carreira profesional cara á ciberseguridade.
“Porque non se pode manifestar vocación profesional de ningún
tipo cara aquilo que se descoñece”, argumentou a experta de R.