As subscricións 3G en Europa chegan aos 100 millóns

mércores, 25 de xuño do 2008 Raquel Noya

Segundo vén de anunciar a firma de investigación de mercado Informa Telecoms and Media, as operadoras europeas de telefonía móbil “veñen de superar a barreira dos 100 millóns de subscritores nas súas redes de terceira xeración (3G)”, unha cifra récord para este mercado que, a finais de maio, tiña un total de 910,8 millóns de subscritores móbiles.
En concreto, a cantidade de usuarios 3G rexistrados ascende a 101,5 millóns, o que supón o 11,1 por cento de penetración de mercado, contando só cos dispositivos que se usan activamente para servizos de voz, datos ou ambos.
Infoma Telecoms detectou “unha lixeira desaceleración” no medre das vendas de teléfonos de tecnoloxía WCDMA (banda larga) en Europa Occidental no primeiro trimestre, “algo que se viu contrarrestado por unha aceleración” nas ventas de tarxetas de datos e modems WCDMA/HSPA (alta velocidade) que impulsaron o tamaño do mercado total de 3G.
Asemade, a consultora afirmou que as operadoras de móbiles miran cada vez máis polos servizos de datos subministrados por redes de terceira xeración “para dirixir o crecemento naqueles mercados denominados maduros”, onde os ingresos por chamadas de voz comezaron a estancarse ou caer.
As cifras do devandito estudo revelan que o meirande porcentaxe de subscritores de 3G está en Suecia, Noruega e Italia, con máis do 25 por cento de usuarios, seguidos de Portugal, Austria e España.

PUBLICIDADE