As tres universidades galegas unifican os seus recursos bibliotecarios nunha mesma web

luns, 20 de abril do 2009 Raquel Noya

As bibliotecas das tres universidades galegas, en colaboración co Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (Bugalicia), veñen de lanzar un portal unificado de busca e procura de información en liña que permite acceder a tódolos seus recursos directamente dende a Rede e que contribúe favorablemente á mellora das condicións de estudo e traballo dos nosos universitarios e universitarias, en tódalas actividades científicas, docentes e de formación que precisen levar a cabo.
A plataforma Pórtico, que así se fai chamar a ferramenta, inclúe un metabuscador que permite organizar, diseminar, recuperar e acceder á información académica “nun ambiente heteroxéneo” de revistas, bases de datos electrónicas, libros, catálogos bibliográficos, teses, patentes, normas, enciclopedias e outros recursos dispostos na Rede, de xeito doado e rápido.
A través de Pórtico, os usuarios poden coñecer os recursos dispoñibles na súa área de coñecemento e lanzar sobre eles consultas simultáneas, o que permite un primeiro achegamento ao seu principal tema de interese, máis en ningún caso substitúe as amplas funcionalidades de busca que ofrecen os portais e bases de datos na súa interfaz orixinal.
Asemade, a través deste motor de búsqueda, os usuarios e usuarias poden acceder a outros servizos adicionais integrados na plataforma como son o xestor de ligazóns SFX, que xera dinámicamente ligazóns entre os compoñentes da biblioteca dixital e permite incluso obter o texto completo, sempre que este estea dispoñible en liña. No caso de que sexa do seu interese, o usuario ou usuaria pode solicitar o exemplar a través do servizo de empréstito interbibliotecario tradicional.
Porén a principal vantaxe de Pórtico é que permite acceder dentro dun mesmo menú a servizos que antes estaban dispostos en distintas webs, facilitando así o labor de todas as persoas usuarias das bibliotecas universitarias galegas.

PUBLICIDADE