As vantaxes do software libre para a xestión integral das empresas en detalle do CDTIC

venres, 14 de novembro do 2014 Redacción

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a AMTEGA, acollerá o 20 de novembro un seminario de formación que leva por título Xestión integral de empresas con Software Libre e que se impartirá en horario de 16:00 a 20:00 horas.
As persoas asistentes a esta actividade poderán coñecer as alternativas en software libre para a xestión integral dunha empresa e comprobarán de primeira man as vantaxes de aplicar estas solucións ao seu negocio, dende a completa integración dunha tenda en internet ata a xestión contable e financeira da empresa, pasando pola clientela, os provedores, os pedidos ou a xestión do almacén. Para iso, o programa do seminario inclúe unha parte teórica, na que se explicará que é un software de xestión integral de empresa (ERP) e as súas utilidades, mostraranse alternativas de ERP en software libre e indicaranse criterios para seleccionar un ERP libre e un provedor. Así mesmo, ao final da xornada exporase un caso práctico no que se demostrará como traballar cun ERP libre, dende a venda en liña ata a contabilidade con Odoo.
A actividade está orientada, principalmente, para persoas autónomas e para perfís directivos, xestores, mandos intermedios ou responsables do departamento informático de PEME. O encargado de impartir o seminario será Santiago Argüeso Armesto, director técnico na empresa Pexego Sistemas Informáticos, que conta con máis de sete anos de experiencia realizando implantacións de software libre de xestión en diversos sectores.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC. Aquelas persoas que non podan desprazarse a Santiago de Compostela, poderán seguir o seminario vía streaming a través da páxina web do CDTIC.

PUBLICIDADE