As visitas ao portal GaliciaAberta subiron en 2020 un 5%

luns, 11 de xaneiro do 2021 S. P.

O portal GaliciaAberta, posto en marcha pola Secretaría Xeral da Emigración para estreitar os vencellos da comunidade galega dentro e fóra da nosa terra, achegou o seu habitual balance de remate do ano, guindando novamente unhas cifras moi destacadas de participación. Segundo fixo saber a Secretaría, o número de usuarias e usuarios medrou de xeito significativo en 2020, superando os 276.000. Así o mostran as estatísticas do exercicio que vén de rematar, no que as e os internautas realizaron algo máis de 401.000 visitas á páxina, un 5% máis das rexistradas en 2019.
Salientar que os contidos máis visitados dentro de GaliciaAberta ao longo deste ano marcado pola pandemia foron os relativos ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (máis de 57.000 visitas), e as diferentes liñas de axuda (máis de 102.000 visitas). Así mesmo, o novo portal Retorna sumou 43.560 visitas, ofrecendo unha atención 24 horas ás e aos emigrantes galegos e aos seus e ás súas descendentes na procura de facilitar a volta á casa.
A Arxentina, Estados Unidos, Venezuela, O Uruguai, México, O Brasil, Colombia, O Reino Unido, Perú, Chile, Suíza, Cuba, Francia, Alemaña, Ecuador e China son os 16 países do exterior desde os que máis visitas se realizaron ao portal GaliciaAberta.
A Secretaría Xeral tamén fixo saber que as as redes sociais nas que ten presenza para divulgar os seus programas e as fases das diferentes convocatorias (así como para promover as diferentes accións que tanto o Goberno galego como a propia colectividade galega no exterior leva a cabo para difundir a cultura, a lingua e a tradición galegas), tamén experimentaron un crecemento durante 2020. As contas de GaliciaAberta en Facebook, Twitter e Instagram rozan xa os 38.000 seareiras e seareiros, o “que supón un incremento medio de preto do 25% no conxunto das plataformas”.
Destaca o caso de Instagram, onde os datos apuntan a un incremento de seguidores de case o 52%, rozando os 8.510, que xunto con Facebook, contan cun público obxectivo cunha idade media entre os 25 e os 45 anos, que son o público obxectivo ao que vai especialmente dirixida a Estratexia Galicia Retorna da Xunta.
A conta da Secretaría Xeral da Emigración en Facebook conta con 24.395 seguidoras e seguridores, aumentando case un 20% con respecto a 2019, Twitter, sitúase a rentes dos 5.000, aumentando un 12%.

PUBLICIDADE