As xornadas Digit@lis achegan estes días unha xanela directa ao futuro da comunicación

venres, 2 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Jennifer Preston, Isabel Suárez e Antonia Blanco

As xornadas Digit@lis que se están a celebrar en Pontevedra (onte e hoxe) constitúen unha nova oportunidade para parármonos e, antes de seguir adiante, avaliar o camiño andado en materia de comunicación e información. Un camiño que, sen dúbida, pasa por tres feitos recentes fundamentais: a posibilidade de sermos todos nós informadores, a chegada das redes sociais e as súas moitas vantaxes de participación e a constatación de que hai un novo tipo de lectora/lector que opina, que usa novos dispositivos e que quere máis interactividade a atención. Entre as conclusións que están abrollar destas xornadas salientamos unha que entronca directamente co devandito: os xornais de hoxe en día xa non teñen escusa para ignorar a quen os le. Sobre isto reflexionou Jennifer Preston, directora de redes sociais de The New York Times, durante a apertura da dita xuntanza, organizada pola profesora Isabel Suárez co apoio da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra.
A relatora, seguindo o dito fío das novas posibilidades que brinda a rede, sinalou que a prensa en papel debe ter clara presenza nas comunidades 2.0, pero con distinto xeito de informar, facendo que a cidadanía participe na creación dos contidos. Agora, xa non é o editor quen toma tódalas decisións, polo menos non nos medios que máis atenden aos cambios da comunicación que imprimen as canles dixitais, senón que son os lectores os que moitas veces teñen a derradeira palabra.
Na apertura das xornadas, que continúan hoxe venres 2, tamén participou Antonia Blanco, vicerreitora do campus, quen salientou o elevado nivel dos conferenciantes das xornadas, “que colaboraron desinteresadamente para facer posible este evento”. Pola súa parte, Isabel Suárez fixo fincapé no enfoque práctico do evento e a heteroxeneidade do público, “entre o que se atopan empresarios, autónomos, estudantes… pondo de manifesto a proximidade da Universidade co mundo real e co seu tecido social”.
Amais de Preston, pasaron xa polas xornadas Digit@lis Bieito Rubido, director do ABC, Lois Blanco, director xeral de La Voz de Galicia, Lois Caeiro, director de El Progreso, Caetano Díaz, subdirector de El Correo Gallego, e Manuel Ferreiro, director de El Ideal Gallego. Todos eles participaron nunha mesa redonda sobre o futuro da información, achegando diferentes puntos de vista sobre o porvir da prensa, para Blanco e Rubido escasamente ligado ao papel, “ao que lle quedan poucos anos de vida”, mais para Caeiro, Ferreiro e Díaz, trátase dun porvir que pode abordar novos xeitos de facer compatíbeis os novos modelos cos tradicionais.
Como dixemos, as xornadas proseguirán este venres cunha mesa redonda integrada por expertos do mundo dixital 2.0, entre os que se atopan os profesores da Universidade, José Carlos López Ardao e Daniel Martí e blogueiros e tuiteiros como Manuel Gago, responsable da web do Consello de Cultura, Jesús López Cortiñas, responsable de marketing online de Femxa, Lontzo Sainz, responsable de networking en EITB.com e Javier Pedreira, cofundador de Microsiervos, que, segundo informa a Universidade de Vigo, “compartirán cos asistentes as súas experiencias e proxectos nas redes sociais”.

PUBLICIDADE