As xornadas sobre seguridade que comezan este xoves na Coruña rachan expectativas de asistencia

mércores, 23 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Raúl Benito, un dos relatores das xornadas, fotografado para unha entrevista no blog Un informático en el lado del mal

Esta semana toca falar, e ben a fondo, de xeitos para procurar meirande confianza en todo o que facemos na Rede, implicándonos a nós mesmos e, polo tanto, á nosa identidade. Como cada ano, o grupo GSIC da Coruña organiza as Xornadas de Seguridade na Facultade de Informática da UDC, colaboradora activa deste evento. O congreso, que dá comezo este xoves e esténdese até o sábado, inclúe os relatorios especializados de costume e, ademais disto, un bo número de obradoiros e unha cita (un hack contest) concreta para pór a proba as habilitades dos asistentes. Segundo conta a UDC, este ano superáronse tódalas previsións en materia de asistencia logo de terse rexistrado un milleiro de persoas.
Entre os expertos que van participar nas xornadas atopamos a relatores de especial renome (tanto polo que son como polas entidades que representan), como Chema Alonso (Informática64), Ángel Prado (Microsoft) ou Raúl Benito (Google), entre outros. O abano de temas será ben variado, aínda que presentado baixo a ligazón común da seguridade en liña: virus, malware, análise forense, criptografía, computación na nube, seguridade web, RFID... Polo que respecta ao interese suscitado a nivel galego e estatal polas xornadas, cómpre sinalar que este foi alén das expectativas da organización e mesmo botan por terra as cifras achegadas esta semana dende esta mesma web de Código Cero. De feito, apunta o GSIC, o número de rexistrados nestes encontros achégase ao milleiro, entre estudantes da propia Facultade da UDC e profesionais do sector das novas tecnoloxías da información e da consultoría TIC. “Autobuses de institutos e universidades doutras provincias como Asturias ou León tamén se achegarán para asistir ás xornadas”, informa a UDC, que engade tamén que “tódolos obradoiros rexistraron un cheo absoluto en tan só media hora desde o seu inicio de rexistro, o que obrigou á organización a duplicar algúns deles”.

PUBLICIDADE