Aseguran que o Wii Motion Plus supón un grande salto na sensibilidade do mando da Wii

luns, 6 de abril do 2009 Marcus Fernández

Reggie Fils-Amie amosando o Wii Motion Plus

A Wii está de actualidade por mor das declaracións do presidente de Nintendo en EE.UU. e de Thomas Singleton, produtor de Grand Slam Tennis (EA), de xeito que o primeiro defendeu a política de certificación de Nintendo mentres que o último puxo polas nubes a sensibilidade que consigue o mando da Wii grazas ao Wii Motion Plus.
Realmente resulta curioso escoitar a Singleton dicir que a mellora ao xogo que desenvolven grazas ao Wii Motion Plus «é como saltar do VHS directamente ao Blu-ray» engadindo que «a veces é excesivamente sensible», polo que tiveron que «limitar esa fidelidade para ofrecer unha experiencia convincente e un control total», o que resulta un tanto difícil de crer, pero é un bo xeito de ir animando aos usuarios a adquirir o pack Wii Sports 2: Resort co Wii Motion Plus, que podería saír á venda o vindeiro 10 de xullo.
Reggie Fils-Aime, pola súa banda tivo que responder a un cuestionario sobre a polémica política de certificación de programadores para xogos para as súas consolas, xa que un desenvolvedor independente, Robert Pelloni, chegou a facer un encerro para pedir que Nintendo lle permitirse facer Bob’s Game, un xogo de Nintendo DS que buscaba converterse nun título oficial, pero Nintendo negouse a subministrar a Pelloni o kit de desenvolvemento oficial de Nintendo DS, o que ten unha clara explicación: as compañías teñen que confiar nas persoas ás que entregan este tipo de ferramentas, ante o perigo de que publiquen os seus segredos industriais.
O presidente de Nintendo nos EE.UU. recoñeceu que recibiron a solicitude de Pelloni, pero asegurou que decidiron que «non cumpría cos requisitos para ser un desenvolvedor certificado», precisando que están a favor dos pequenos desenvolvedores, coñecendo que grazas a eles chegaron grandes éxitos coma Tetris ou Pokémon, pero negándose a dar detalles sobre a polémica con Bob’s Game, o que tampouco fai o seu autor, quen non parece ter ningún interese en falar coa prensa sobre o tema, o que fai que pensar que a reticencias de Nintendo estarían moi xustificadas.

PUBLICIDADE