Astra e Digital+ critican en Santiago as carencias do despregue da TDT en zonas de sombra

mércores, 12 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

Non todo está dito nin pechado en materia de televisión dixital (trátase dunha tecnoloxía en fase de mellora da que aínda non se ten o coñecemento en moitos estratos da nosa sociedade para tirarlle o máximo proveito). Asemade, non toda a televisión dixital chega pola vía da canle terrestre. Hai familias que a reciben a través do cable, outras vía satélite e un bo número que non ten posibilidade algunha de recibila, sobre todo polo afastado dos seus fogares. Este problema é salientable na nosa terra, onde polas condicións xeográficas e demográficas particulares hai amplas zonas de sombra que obrigan e obrigarán a empregar alternativas ao terrestre. De falar destes problemas e destas alternativas foi do que tratou en boa medida a xornada informativa organizada onte en Santiago polas firmas Astra e Digital +.
A cita, que se desenvolveu no Hotel NH Obradoiro, xirou arredor dos últimos avances achegados polas ditas empresas en materia de dixitalización do fogar. O encontro foi cos medios, os profesionais das telecomunicacións, distribuidores de servizos audiovisuais e comercios especializados no despregue da alta definición e na chegada aos domicilios da tecnoloxía en 3D.
Xa nun terreo máis concreto, a xuntanza serviulle ás empresas para lembrar a súa aposta por emitir os 64 partidos do vindeiro Mundial de Sudáfrica en alta definición (os 10 máis importantes en 3D) e, centrándose xa na realidade galega, para informar de posibles solucións á falta de cobertura en TDT que sofre un bo número de fogares. Ao seu xuízo, está claro que a tecnoloxía terrestre non vale nestes casos: “Cubrir as últimas porcentaxes de poboación mediante este recurso”, comentou José Luis Garate, director de Desenvolvemento de Astra, “supón un custe desorbitado que medra de xeito expoñencial, e cómpre non esquecer que seguen a existir zonas con graves atrancos debido a problemas de cobertura, interferencias ou da propia instalación”.
Por outra banda, sinalou, a alternativa que achegan os gobernos central e autonómico na nosa terra con feitura de solución satelital é ao seu xuízo incompleta, xa que non permitirá acceder ás canles de alta definición ou ao futuro vindeiro da televisión en 3D. “Isto”, engadiu, “constitúe un paso atrás na tarefa de rematar coa fenda dixital”. Con todo, hai tempo de variar o rumbo da situación. Para a empresa Astra, en países como Francia ou Alemaña os cidadáns están en disposición de mercar un receptor de TDT vía satélite no punto de venda co que acceder a tódalas canles e servizos con independencia do emprazamento do seu fogar, posto “que non hai atrancos impostos ao sinal neste senso”. En España, sinala Astra, si que existen estas restricións á televisión dixital por vía satélite. Con todo, hai unha concienciación na sociedade española que non para de medrar acerca desta necesidade de liberar e abaratar a TDT por satélite.
Polo que respecta á achega de Astra para ir poñendo solución a estes atrancos, a empresa presentou a tecnoloxía Astra2Connect, un recurso do que xa falamos nesta mesma web e “que permite o acceso á banda larga cun sistema vía satélite bidireccional e prezos residencias que rematarán co problema de hostaleiros, explotacións gandeiras e agrícolas e centros turísticos que a día de hoxe non poden levar a cabo consultas ou trámites burocráticos por non contar cun servizo fundamental”. O servizo, informaron ámbalas dúas empresas, conta xa con 60.000 clientes en Europa e co apoio dalgunhas autonomías, que subvencionan a súa instalación entre cidadáns situados en zonas de sombra dixital.

PUBLICIDADE