Até 130 profesionais traballan xa no departamento de Electrónica e Sistemas Intelixentes de Transporte do CTAG

xoves, 20 de febreiro do 2014 Redacción

O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, CTAG, conta xa con novas instalacións de Electrónica e Sistemas Intelixentes de Transporte, un macrodepartamento de I+D que dá acubillo a 130 tecnólogos e abrangue unha superficie de máis de 7.000 metros cadrados de espazo propiamente investigador (artellados en obradoiros, laboratorios e estudos de deseño e desenvolvemento) e máis de 15.000 metros cadrados en pistas (espazos para pór a proba os nosos sistemas de condución intelixente do centro). As novas instalacións, inauguradas oficialmente este mércores polo presidente da Xunta, implicaron un investimento do Goberno galego de 10 millóns de euros.
Nestas dotacións, informouse durante a visita, lévanse a cabo actividades de innovación e de validación de sistemas dirixidas a dar resposta ás necesidades actuais e futuras do sector de motor. Ou sexa, estamos a falar dunha nova interesante aplicación das novas tecnoloxías da información, a comunicación e a automatización, encamiñadas desta volta a xerar vehículos máis eficaces, máis seguros, máis rendíbeis e máis respectuosos co medio ambiente. O obxectivo, sinalouse, é confirmar ao CTAG como “un centro de referencia a nivel internacional no eido da electrónica e o software. Asemade, salientouse o seu potencial “como infraestrutura tecnolóxica punteira”. Tamén se fixo fincapé no seu papel de fornecedor de competitividade externa, beneficiando co seu coñecemento xerado as restantes empresas e sectores, “comezando polo gran fabricante que é PSA Peugeot-Citröen e continuando por todas as empresas de compoñentes e as iniciativas emprendedoras que se están a artellar neste eido industrial”.
Así o manifestou tamén o presidente de CTAG, Antonio Santos, que dixo que estas instalacións permitirán ao centro tecnolóxico “ofrecer solucións integradas ao sector do motor de Galicia e desenvolver novos proxectos que incrementen a competitividade desta industria a nivel nacional e internacional, consolidando o emprego e permitindo que a I+D+i galega que aquí se realiza sexa recoñecida en todo o mundo”.
Arestora, fíxose saber, nesta división do CTAG traballan 130 investigadores e tecnólogos, que participan nun bo feixe de proxectos europeos de I+D “e que seguirán a ofrecer competencias avanzadas en sistemas ADAS (Advanced Driver Asistance Systems) e automatización do vehículo, conectividade, electromobilidade e confort interior, HMI (Interfaz home-máquina), hardware, software e validación”. Para cumprir cos seus obxectivos, as novas instalacións contarán con sete laboratorios (ADAS, Conectividade, Compatibilidade Electromagnética, Electromobilidade, Volume e Forma, Tecnoloxías HMI e Realidade Aumentada, e Hardware in the Loop); unha sala de Desenvolvemento de Funcións e Sistemas; áreas de Deseño Electrónico e Fabricación de Prototipos Electrónicos; un estudo de Deseño e Novos Conceptos; un Simulador de Condución; pistas de probas de Sistemas Intelixentes de Transporte; prototipos de investigación; e un Corredor Intelixente de Comunicacións Cooperativas C2X Siscoga.

PUBLICIDADE