Até 14 rapaces adestráronse en Carballo en fotografía cos móbiles e tabletas

luns, 16 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Un total de 14 mozas e mozos da contorna de Carballo participaron a semana pasada nun obradoiro sobre teléfonos móbiles e tabletas e diferentes e enriquecedores xeitos de facer que sexan algo máis que unha simple ferramenta para sacar fotos, aínda que tamén. Houbo contidos sobre retoque de imaxes e dereitos, sobre técnica fotográfica, sobre exposición correcta ou sobre as mellores aplicacións móbiles para obter os mellores resultados nas fotografías.
O curso rematou a sexta feira (venres 13) cunha clase sobre retoque e sobre dereitos de imaxe. Foi impartido por Alfredo Varela no Pazo da Cultura durante toda a semana, ao abeiro da programación do XX Certame de Fotografía Xosé Manuel Eirís.
Foron, en total, cinco sesións de tres horas de duración nas que os alumnos aprenderon conceptos sobre técnica fotográfica, a exposición correcta, o enfoque, a composición ou as mellores aplicacións móbiles gratuítas para sacarlle o mellor partido aos dispositivos. Ademais das nocións teóricas, houbo espazo para as saídas ao exterior, por exemplo á zona do Parque do Anllóns e a varios barrios de Carballo.
Segundo explica Varela, o balance da experiencia “é positivo”, e os “rapaces quedaron moi contentos e conseguimos fotografías boas, e creo eu que quedamos todos con ganas de facer algún curso máis”. No que se refire á parte teórica, o profesor informa que se trataron aspectos básicos da práctica fotográfica, como por exemplo os detalles para acadar a mellor exposición ou para conseguir tirar proveito da luz que incide na cámara e na súa contorna.

PUBLICIDADE