Até 150 empresas e representantes de parques tecnolóxicos xúntanse esta semana en Vigo

luns, 15 de xuño do 2015 Redacción

Esta semana Vigo será máis que nunca o nexo de unión entre os centros de coñecemento e innovación estatal. O motivo? Pois, como lembraremos, celébrase na cidade galega, entre hoxe e o 17 de xuño, a edición número 13 da Conferencia Internacional de Parques Científicos e Tecnolóxicos. A apertura oficial de actividades está prevista para esta tarde, ás 16.00 horas, cun acto de benvida no que participarán Teresa Pedrosa, delegada do Estado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, e máis Abel Caballero, alcalde de Vigo. Logo da súa intervención celebrarase a asemblea xeral da APTE. A sesión de apertura desenvólvese no edificio de TexVigo, no Parque Tecnolóxico de Vigo. As actividades dos días vindeiros celebraranse no Centro de Negocios do Porto do Molle en Nigrán. O obxectivo é xuntar a máis de 150 empresas e representantes de parques.
O encontro vén da man do Consorcio da Zona Franca en colaboración coa Asociación de Parques Tecnolóxicos de España (APTE). O programa de actividades contará coa presenza de “destacados conferenciantes” afondando nos conceptos das novas formas de facer economía e empresa, a metodoloxía Organización 2.0, fonte de innovación e competitividade. Máis polo miúdo, a conferencia reunirá a relatores expertos na devandita materia como o galego Enrique Dans, Samuel Driessen (Entopic), Ana Neves (Knowman), Luís Suárez (IBM) ou Joana Sánchez (Incipy), con empresas e outros axentes nun foro de difusión sobre os procesos de cambio cultural e métodos de xestión desenvolvidos nos parques tecnolóxicos.
Emporiso, as estratexias en liña 2.0 serán a columna vertebral das sesións previstas, nas que os máis de 150 asistentes rexistrados debaterán sobre o potencial destas metodoloxías para a xestión interna de empresas e parques e, tamén, sobre a súa rendibilidade en materia de relacións con clientes e mercados. Asemade, analizaranse as posibilidades das ferramentas participativas e sociais para optimizar os propios complexos científicos e tecnolóxicos, en ámbitos como a comunicación, a produtividade, a colaboración ou a aprendizaxe.
Un total de 18 relatores intervirán nas principais sesións do evento que son: a transformación dixital dos parques científicos e tecnolóxicos, as organizacións que colaboran e a colaboración en liña para potenciar beneficios.
O día 16 ás 11.00 horas tamén terá lugar o acto de entrega dos Premios APTE á mellor práctica en parques científicos e tecnolóxicos, galardón que outorga a asociación para recoñecer as mellores experiencias levadas a cabo polas entidades xestoras dos parques no seu ámbito de actuación.

PUBLICIDADE