Até 208 centros educativos galegos participarán neste curso no programa Navega con rumbo

xoves, 10 de marzo do 2022 S. P.

Un total de 208 centros educativos galegos participarán ao longo deste curso no programa Navega con rumbo, unha iniciativa impulsada pola Xunta en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) coa finalidade de “guiar á mocidade nunha navegación segura en Internet de xeito útil e responsábel, ao tempo que tamén se lle facilitan ferramentas aos docentes para uso didáctico na aula”.
Por provincias, participan 74 centros coruñeses, 32 lucenses, 15 da provincia de Ourense e 87 da de Pontevedra. A relación de centros participantes pode consultarse no Portal Educativo.
A deste curso é a décima edición deste programa, que leva vixente en Galicia desde o curso 2010-11, e que está incluído entre as accións da Estratexia de Educación Dixital 2030.
Ao abeiro do mesmo, especialistas do Colexio de Enxeñaría Informática levarán a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración nos centros de ensino. Nestas xornadas abordaranse temas de interese como as condutas de acoso e ciberacoso e outros riscos derivados do mal uso das redes sociais.
Ademais, a través dunha guía de boas prácticas, tamén se fai partícipe das recomendacións aos profesores e familias na medida en que se poidan converter en transmisores de boas prácticas de cara á rapazada.

PUBLICIDADE