Até 245 persoas participarán nos cursos de telefonía móbil de Carballo

mércores, 30 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Até 245 persoas, repartidas en 18 grupos, participarán nos cursos de manexo do teléfono móbil que organiza o Concello de Carballo xunto coa Cruz Vermella (que coordina o voluntariado preciso para desenvolver os obradoiros), unhas actividades formativas que segundo informa o Goberno local, provocaron “unha avalancha de solicitudes”. O Concello engade que a maior parte das solicitudes son de veciños e veciñas da vila de Carballo, pero finalmente haberá cursos en 10 parroquias: Ardaña, Artes, Cances, Carballo, Entrecruces, Lema, Rus, Sísamo, Sofán e Vilela, nas que se acadou o número mínimo de inscricións.
Segundo explica o Concello, aos veciños dos lugares nos que non foi posíbel completar o grupo ofreceráselles a opción de acudir a outra parroquia.
Os talleres de manexo do teléfono móbil constarán de tres sesións de dúas horas de duración cada unha. Haberá cursos todos os martes e xoves a partir do 7 de febreiro e até principios de xullo, aínda que, en función da dispoñibilidade do voluntariado, os prazos poderían acurtarse.
O Concello agradeceu a colaboración da Cruz Vermella e tamén do movemento asociativo das parroquias, que se encargou da difusión da actividade e da recollida de inscricións.
O obxectivo destes cursos é familiarizar á xente maior do termo municipal coas novas ferramentas dixitais, moi indicadas para permitirlles unha mellor comunicación, un contacto máis directo coa xente da súa contorna (e doutras contornas), unha serie de ferramentas útiles para a vida diaria e, sobre todo, unha actividade cognitiva que favoreza o bo estado de saúde. Os cursos responden á alta demanda que experimentan outras actividades semellantes de envellecemento activo e a peticións concretas dos consellos parroquiais.

PUBLICIDADE