Até 30 novos investigadores participan nos retos do Campamento Tecnolóxico da Tecnópole

mércores, 2 de xullo do 2014

Tal e como anunciamos onte en Código Cero, comezaba esta semana a súa andaina o único campamento tecnolóxico de verán que se celebra en Galicia, estamos a falar do Tecnópole Technological Workshops (T2W), un encontro levado a cabo nas instalacións das Aulas Tecnópole, en Ourense. A actividade -dirixida a rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos- estenderase até o 11 de xullo e conta co patrocinio da operadora de cable galega R e da empresa de telecomunicacións Coremain. Cómpre dicir que todos os asistentes (un total de 30) traballarán durante estas dúas semanas no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos con diferentes graos de complexidade segundo as súas idades. Estes proxectos foron presentados en detalle este mércores na sede da Tecnópole.
Para facer posíbel o desenvolvemento destas iniciativas, a formación inclúe nocións sobre o deseño de aplicacións móbiles e videoxogos, edición fotográfica e de vídeo, creatividade, biotecnoloxía, etc. Os mellores de cada categoría terán asegurada a súa participación na vindeira Galiciencia, a feira científica que organiza Tecnópole no mes de novembro. Os obxectivos deste campamento tecnolóxico consisten no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade. Amais de procurar que os alumnos e alumnas adquiran novos coñecementos tecnolóxicos, preténdese potenciar neles actitudes coma o respecto mutuo, a colaboración e a socialización, xunto con habilidades relacionadas con falar ben en público, etc. Este ano estase a intensificar a práctica do inglés, coa presenza dun profesor nativo que acompaña aos alumnos e alumnas todos os días durante as comidas e en varios obradoiros e actividades.
Os monitores e profesores son expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e no resto das materias que se están a desenvolver na academia. Durante o campamento os participantes practicarán tamén actividades deportivas en equipo ao aire libre (natación, tenis ou atletismo).
As aptitudes comunicativas e a expresión corporal están a ter un oco importante na axenda de todos os grupos de idade, con obradoiros para falar en público e sesións de debate. Ademais, reciben educación ambiental e aprenden hábitos de alimentación saudábeis mediante a preparación de comidas sinxelas con produtos da horta ecolóxica.
Para facérmonos unha idea, os 30 participantes deste campamento de verán organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole están a construír xa foguetes impulsados por auga e pirámides con espaguettis, proxectando figuras en 3D empregando un smartphone e programando robots construídos con pezas e mecanismos LEGO Mindstorms, entre moitas outra cousas. Así se fixo saber aos medios na apertura oficial do campamento celebrada este mércores, acompañada dunha xeira inaugural de traballo para os rapaces. Na cita, logo de atender ás explicacións sobre as leis de Newton e os principios básicos da aerodinámica, os participantes tiveron un prazo de dúas horas para deseñar e construír os seus propios foguetes propulsados por auga e aire. Unha vez rematados, puxéronos a proba nunha competición lanzándoos e medindo as distancias acadadas.
Para aprender como funcionan as imaxes holográficas, os alumnos descubriron que hai detrás do truco utilizado desde hai anos nas atraccións de feira e nos números de maxia para facer aparecer pantasmas. Usando unha tablet e unha pirámide holográfica, conseguiron converter imaxes planas en imaxes 3D que se moven e flotan no aire. Asemade, empregando técnicas de triangulación, os participantes foron retados a construír a pirámide máis alta posíbel a base de spaghettis. “Os que máis afinaron nos cálculos competiron entre eles, resultando vencedora unha estrutura que acadou os 170 centímetros”, informa a Tecnópole. Ademais, os campistas están a experimentar estes días con robots construídos con pezas e mecanismos LEGO Mindstorms, co reto de aprender a programalos para realizar diferentes funcións de forma autónoma.

PUBLICIDADE