Até 425 persoas participan na XGN R Encounter, que acolle unha manchea de obradoiros e conferencias

luns, 11 de outubro do 2021 S. P.

A nova edición da XGN R Encounter, que remata hoxe, está a ser novamente un fervedoiro de novidades informáticas e confraternidade arredor das TIC. É ademais un exemplo de como converter un evento colectivo, participativo, interactivo e presencial (logo da edición en liña de 2020), en modelo de seguridade sanitaria (cun completo protocolo, favorecido polas grandes dimensións do recinto, que implicou unha exhaustiva ventilación e máis a redución do aforo, que baixou dos 932 acubillados en 2019 a menos de medio milleiro agora).
A Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda, acolle estes días máis de 40 actividades lúdicas e formativas, que son achegadas ás persoas non inscritas a través de Youtube e Twitch.
Os seareiros da informática finalmente inscritos na party foron 425.
O programa inclúe conferencias, charlas e obradoiros con temáticas como as criptomonedas, a programación ou as claves do streaming. Entre outra cousas, deuse a coñecer o proxecto Roteiro Maker, o cal fixo “unha parada especial” na XGN R Encounter co obxectivo de reforzar a arela formativa do evento. Esta iniciativa, protagonizada por unha furgoneta equipada con tecnoloxías argalleiras, percorre as zonas rurais e semirrurais de Galicia para dar a coñecer o movemento Maker e potenciar a creatividade, a innovación e o respecto polo medio ambiente.
Tamén foron destacadas as actuacións musicais de Elesky Pablo Díaz, gañador de Pasapalabra e violinista.
A nivel técnico, a velocidade de conexión a Internet ofrecida pola operadora R é de 20 Gbps. Esta cita é a quinta con R como colaboradora e patrocinadora oficial, que de novo contou co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, impulsora da party. A XGN R Encounter está vinculada á rede de Encounters que a Fundación Euskaltel impulsa desde hai máis de 25 anos e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter e a Araba Encounter.
A organización salientou “a alta participación” e “o gran nivel mostrado” nas competicións de arte dixital, en categorías como curtametraxe, gráficos 3D, ilustración e música dixital, concurso de dobraxes e fotografía, retoque fotográfico, fast compos e anime music vídeo. Os expertos en seguridade informática e programación déronse cita no AI Contest, a competición de software libre que incluíu retos que poñen a proba os seus coñecementos e que rematou o domingo 10 de outubro. Tamén se deu unha alta participación nas competicións de videoxogos.

PUBLICIDADE