Até catrocentas empresas de O Ceao poderán tirar partido da fibra óptica despregada por Telefónica

luns, 3 de decembro do 2012 Redacción

Telefónica presentou este luns 3 de decembro en Lugo o seu despregue de fibra óptica (FTTH) para o Polígono Industrial de O Ceao. A cita cos profesionais e empresarios do complexo empresarial, potencialmente beneficiarios do fornecemento de redes, celebrouse precisamente na Asociación Empresarial de Industrias de Transformación do Polígono de O Ceao, baixo o seguinte epígrafe: Compartindo experiencias día a día. Segundo informou Telefónica, o despregue da infraestrutura permitirá ás empresas alí emprazadas “dispor das maiores velocidades de navegación para os seus negocios, e de todos os servizos asociados”.
O acto contou coa presenza do director de Telefónica en Galicia, Manuel Alonso, acompañado dunha ampla representación de empresarios locais (e da provincia) e de diferentes membros do equipo de Telefónica en Galicia, que explicaron as vantaxes do FTTH .
O FTTH, siglas procedentes do inglés Fiber to the Home, supón -segundo fixo saber Telefónica- “un avance considerable respecto da FTTN usada por outros operadores, que leva a fibra óptica só até un punto de concentración ou nodo (normalmente no baixo dos edificios), para despois enviar o sinal até o domicilio mediante cobre ou coaxial”. E engadiu: “Na FTTH despregada por Telefónica non se usa cobre en ningún treito (nin par, nin coaxial), permitindo velocidades moi superiores ás que poden obterse sobre ese condutor tradicional”.
A achega de FTTH no Polígono de O Ceao amosa potencial para dar servizo a unhas 400 empresas, “ás que lles permitirá velocidades de 100 megas de baixada, que poden ampliarse de forma exponencial no futuro”, informou a operadora.

PUBLICIDADE