AtlantTIC lanza a primeira versión dunha plataforma para impulsar os territorios rurais de peregrinación: rurAllure

mércores, 11 de maio do 2022 S. P.

AtllantTIC vén de informar da dispoñibilidade da primeira versión de rurAllure, unha plataforma desenvolvida polo centro TIC vigués destinada a potenciar o patrimonio rural na contorna das rutas de peregrinación. O proxecto, coordinado polo investigador Martín López Nores, dará como resultado “un ecosistema para todos os camiños de Europa”, poñendo en valor os seus tesouros patrimoniais, turísticos e naturais. En concreto, rurAllure xa ten listos os catro primeiros pilotos que poderán ser empregados polos usuarios dos camiños con destino a Santiago, Roma, Trondheim (Noruega) e Csíksomlyó (Romanía).
O obxectivo da aplicación, segundo lembra o seu coordinador, “é crear un ecosistema de rutas de peregrinación a nivel europeo, de xeito que un peregrino teña información sobre puntos de interese local, tanto culturais e patrimoniais como sociais, que non están a pé de camiño. Trátase de fomentar que o visitante se adentre no territorio rural próximo para coñecer o seu patrimonio”. Segundo López Nores, responsábel de coordinar a todas as institucións adheridas ao proxecto, en seis países europeos, o gran reto da plataforma é “estimular a economía das zonas rurais próximas aos camiños de Europa”. Isto acadarase fomentando as estadías dos peregrinos nos territorios que visitan, favorecendo impactos positivos sobre as contornas.
Liderado pola Universidade de Vigo, rurAllure é un proxecto H2020 financiado con tres millóns de euros. As interfaces web e móbil permiten que cada usuario deseñe a viaxe en función dos seus gustos e intereses. “Neste próximos meses, poremos a proba a intelixencia artificial aplicada ao proxecto e corrixiremos erros para que a tecnoloxía estea lista en toda Europa para 2023”, engadiu o coordinador do proxecto, que é tamén docente da Escola de Enxeñería de Telecomunicación.
Por certo que rurAllure conta tamén coa implicación da Facultade de Historia e outros grupos da UVigo, así como doutras institucións culturais, empresariais e municipais que nutren a iniciativa.
“Traballamos con información sobre medios de transporte axeitados que os peregrinos poderán empregar para coñecer os punto de interese fóra do camiño, como é o caso da Fundación Uxío Novoneyra, a 30 quilómetros do itinerario francés do Camiño de Santiago. A intención é derivar fluxos de visitantes e que aproveiten as súas incursións no medio rural para coñecer lugares de interese cultural e patrimonial, estimulando o desenvolvemento rural e cultural”, concreta Martín López Nores.
Tras a proba inicial dos catro primeiros pilotos, rurAllure estará listo en 2023 cunha plataforma de contidos nos que cada camiño europeo terá os seus propios puntos de interese, audioguías e narrativas multimedia, información sobre tendas e servizos locais, transportes dispoñíbeis para os desprazamentos, etc.

PUBLICIDADE