Aumenta considerablemente o número de farmacias galegas que dispensan receita electrónica

martes, 9 de xuño do 2009 Raquel Noya

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, puido coñeceu hoxe de primeira man o funcionamento da receita electrónica galega, que botou a andar xa en varias oficinas de farmacia da área sanitaria de Santiago e que o pasado venres, en concreto, foi incorporada en un total de 67 farmacias da capital galega, polo que o número total das mesmas en toda a Comunidade ascende xa a 246.
Nesta liña, Pilar Farjas anunciou que “está previsto que antes do 30 de xuño se sumen ao proxecto arredor de cen oficinas de farmacia que darían cobertura de receita electrónica a varias zonas das áreas sanitarias de Pontevedra, a Coruña, Ourense e Ferrol”. En concreto, estas cen oficinas poríanse en marcha na provincia de Pontevedra nas áreas de Deza, Arousa e O Morrazo; Oleiros, Culleredo e Carral, da área coruñesa; Xinzo na provincia de Ourense; e no concello de Neda na área ferrolá.
Asemade, despois do verán incorporaranse a empregar a receita electrónica as zonas da área sur da provincia de Pontevedra, Vigo, Porriño e Mos así como a cidade da Coruña, que se iniciará á súa implantación.
Estas incorporacións permitirán o aumento progresivo das dispensacións electrónicas realizadas en toda a Comunidade Autónoma, incrementando a cifra que, dende a súa posta en marcha, suma xa un total de 659.657 receitas prescritas electronicamente.

Vantaxes para pacientes e profesionais
A implantación da receita electrónica na nosa comunidade achega unha serie de vantaxes que facilitan tanto o traballo dos médicos e farmacéuticos como a adquisición de medicamentos por parte dos doentes.
Así, dunha banda, os pacientes poden, entre outras cousas, recoller directamente os seus medicamentos, presentando unicamente a súa tarxeta sanitaria en calquera oficina de farmacia de Galicia e os farmaceuticos evitan posibles erros que se puidesen dar no proceso de lectura e interpretación da letra do médico.
En definitiva, o sistema supón unha maior seguridade na prescrición, dispensación e uso dos medicamentos, e a receita electrónica facilita unha xestión máis eficiente dos recursos farmacoterapéuticos e asistenciais.

PUBLICIDADE