Autoxuga pon en xogo unha revolucionaria app para reducir a contaminación do noso coche

mércores, 30 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Autoxuga Móbil, empresa de Rianxo centrada no subministro de servizos innovadores e tecnoloxías para o ámbito do motor e do mantemento do automóbil, está a presentar estes días unha nova e revolucionaria aplicación móbil que facilita ao máximo a condución eficiente, reducindo o consumo de combustíbel e, polo tanto, a contaminación do ar. A ferramenta para dispositivos, que será presentada o vindeiro 7 de febreiro no Centro Demostrador TIC de Santiago (entre as 16.30 e as 18.00 horas), é unha app adaptábel a todo tipo de marcas de coches. A clave da ferramenta é que converte o noso smartphone nun equipo de diagnóstico de taller (mostra parámetros e elimina avarías nos automóbiles da mesma maneira cós equipos de diagnoses profesionais).
Segundo informa Autoxuga acerca do funcionamento da aplicación e das súas principais claves, un dos puntos formes da mesma é que actúa directamente no borrado de avarías esporádicas que aparecen nos coches, un procedemento de aviso de mantemento que deriva, segundo informan, en máis contaminación: “Se os usuarios de automóbiles borrasen cada mes estes avisos, reducirían o consumo de carburantes nun 20%, aumentarían a vida útil dos coches nun 200% e poderían aforrar, só en España, uns 10 mil millóns de euros ao ano en combustíbeis que a día de hoxe van directamente á atmosfera en forma de contaminación”.
Outra novidade que achega o desenvolvemento de Autoxuga, que ten un custe de 40 euros, é que os usuarios da aplicación, a través dos seus teléfonos móbiles, poden ter a posibilidade de acceder aos chequeos que faga un usuario no seu coche en calquera recanto do mundo: as avarías que ten e a imaxe do lugar onde realizou a comprobación. Isto pódese ver a través da ligazón Avarías coches nun mundo.
Segundo informa Autoxuga respecto da presentación do día 7, esta aplicación é de especial interese para condutores en xeral, talleres e persoas con inquietudes medioambientais, profesorado, alumnado de FP e universitarios.

PUBLICIDADE