Avansig dá a coñecer no CDTIC as vantaxes de uso da súa ferramenta csUrbanismo

luns, 3 de marzo do 2014 Redacción

Avansig, empresa xerada ao acubillo da Universidade da Coruña e especializada en enxeñaría informática (deseño de novas ferramentas e aplicacións nos eidos da informática e os sistemas de información xeográfica), vai organizar este venres 7 de marzo unha xornada de presentación sobre unha innovadora (e prometedora) ferramenta de seu, coñecida como csUrbanismo. A cita será no Centro Demostrador TIC de Santiago (CDTIC) e, segundo apunta a empresa galega, terá especial interese para profesionais dos eidos da arquitectura e o urbanismo e tamén para as consultoras de enxeñaría que redactan plans de ordenación. Con csUrbanismo, informa Avansig, “queremos achegar aos equipos redactores dos plans urbanísticos unha ferramenta de información xeográfica integral para a xestión integral de proxectos”.
Esta ferramenta, engaden os responsábeis da empresa da Coruña, “establece unha nova metodoloxía e propón novas alternativas de análises e procesado da información, sistematizando as fases de información e ordenación urbanística, co que se reduce de xeito drástico o esforzo empregado na execución de proxectos de ordenación territorial”. A xornada dará comezo arredor das 10.00 horas coa intervención-presentación a cargo de David Trillo, director executivo de Avansig. Logo será a quenda de Alberto Mayán, director técnico da empresa, de que fará (en dúas sesións) unha completa demostración funcional da ferramenta.

PUBLICIDADE