Avanza a misión BIXO, destinada a avaliar os efectos dos microorganismos no medio espacial

xoves, 15 de decembro do 2022 S. P.

Garantir que a misión espacial BIXO (Bacteriological Intercommunication eXperiment in Orbit), impulsada pola asociación de estudantes UVigo SpaceLab, cumpre con todos os requisitos no desenvolvemento de proxectos espaciais europeos con vistas á acelerar a fabricación final de modelos foi o obxectivo dunha xuntanza celebrada no Campus de Vigo. Nela participaron especialistas de moi distintos ámbitos, tanto de empresas como de grupos de investigación. Desenvolveuse este mércores 14 na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Os líderes do proxecto, encabezados por Manuel Diz Folgar, expuxeron todo o traballo realizado ata a data ao abeiro desta misión. Segundo lembraron, o principal obxectivo de BIXO é analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial.
Déronlles a benvida a vicerreitora de Comunicación e Relacións Instucionais, Mónica Valderrama; a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz, e o director do centro de investigación AtlantTIC, Martín Llamas.
Na revisión do proxecto (Preliminary Requirements Review, PRR) participaron empresas de distintos sectores, entre elas tres das firmas que patrocinan a misión: DHV Technology, dedicada ao deseño e fabricación de paneis para aplicacións aeroespaciais; UARX Space, provedora de solucións de lanzamento, e a spin-off da Universidade de Vigo Alén Space, especialista no desenvolvemento de hardware e software para pequenos satélites.
Desde o ámbito universitario participaron responsábeis de distintos grupos de investigación, tanto de AtlantTIC como do CINBIO, cubrindo a forte vertente biotecnolóxica da iniciativa. A dirección do equipo, composto na actualidade por preto de 40 estudantes de diferentes graos, presentou os deseños preliminares de todos os subsistemas do satélite, desde onde se asenta o sistema básico en termos de software, mecánica, distribución de enerxía, xestión térmica e deseños electrónicos ata carga computacional e ferramentas de desenvolvemento, entre outros detalles. Analizaron tamén as simulacións e prototipos deseñados e fabricados ata o de agora, entre eles a antena de banda S, as tarxetas microfluídicas ou a estrutura 2U, xunto cos budgets, tanto de datos xerados como de consumos enerxéticos dos diferentes subsistemas do satélite. A maiores, presentaron tamén estimacións preliminares de peso, consumo de enerxía e volume.

PUBLICIDADE