Avanzan as posibilidades de teleformación nos certificados CELGA

venres, 18 de marzo do 2022 S. P.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica este venres 18 de marzo a convocatoria de inscrición para as probas que permiten obter os certificados oficiais que acreditan os niveis de coñecemento da lingua galega, os CELGA. Segundo se indica, a realización das probas dos CELGA 1, CELGA 2, CELGA 3 e CELGA 4 está prevista, como é costume, para os meses de maio e xuño en Santiago de Compostela e Ponferrada. As datas concretas das probas así como os lugares exactos para facelas publicaranse máis adiante no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Portal da Lingua Galega.
O prazo para presentar as solicitudes de inscrición e, consecuentemente, o do pagamento da taxa correspondente -16,92 €- irá do próximo luns 21 de marzo ata o venres 8 de abril. Tanto as solicitudes como o xustificante de pagamento poderán presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou de modo presencial.
Política Lingüística explicou que esta convocatoria de probas CELGA é “a primeira que a Xunta efectúa en 2022 e, se as circunstancias o permiten, a previsión é que, como o ano pasado, volva publicarse unha segunda convocatoria para realizar máis exames antes de que remate o ano”.
Cursos de autoformación
Ademais, de cara á preparación destas probas, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, anunciou este xoves 17 en rolda de prensa a ampliación da oferta dos cursos de autoformación ofrecidos pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. García explicou que “desde hai un ano ofrécese un curso de autoaprendizaxe en liña do CELGA 1, no que ata o de agora se inscribiron máis de 3000 persoas, o que dá conta do grande interese que este espertou e que motivou a seguir apostando por este tipo de formación, ampliándoa a outros dous niveis”, indicou o representante autonómico.
García fixo saber que o seu departamento estivo a traballar, en colaboración cun equipo de especialistas en formación e ensino da lingua galega e mais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), no desenvolvemento do curso de autoaprendizaxe en liña do seguinte nivel, é dicir, do CELGA 2, así como do curso de autoformación do CELGA 4. Neste sentido, Valentín García salientou que “este é sempre o máis demandado pola cidadanía, tal e como se vén constatando ao longo destes anos no número de persoas que solicitan os cursos titorizados ou que se inscriben nas probas para a obtención do certificado oficial que acredita este nivel de coñecemento da lingua galega”, explica o titular de Política Lingüística.
Ademais, “esta modalidade de formación ten outros dous puntos fortes”, indicou, engadindo que o primeiro destes puntos é “que non ten límite de prazas” e, o segundo “que permite o acceso desde calquera lugar do mundo, pois cada vez son máis os descendentes de galegos e galegas da diáspora que se interesan por coñecer e estudar a lingua”, sinalou Valentín García.
Para inscribirse nestes cursos, que estarán dispoñíbeis a partir do día 21 deste mes, as persoas interesadas deberán acceder á Plataforma de teleformación da Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do Portal da Lingua Galega.
Con esta nova oferta, só quedaría por cubrir nesta modalidade de formación o nivel Celga 3, no que a Xunta xa traballa co fin de completar a oferta de cursos Celga de autoaprendizaxe en liña e poder poñelo a disposición da cidadanía o próximo ano.

PUBLICIDADE