Axudas para potenciar as TIC en 73 negocios hoteleiros e de turismo rural galegos

luns, 20 de agosto do 2012 Redacción

Presentación da iniciativa, achegada pola Axencia EFEUn total de 73 empresas galegas foron preseleccionadas para acceder ao programa Aloxamentos conectados, posto en marcha polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. A iniciativa ten como obxectivo que as PEME hoteleiras e os aloxamentos de turismo rural da Comunidade Autónoma incorporen solucións tecnolóxicas para mellorar o seu negocio.
As axudas, cun importe total en Galicia de 732.511 euros, están enfocadas a áreas fundamentais da cadea de valor do sector turístico como as reservas, a xestión da estanza, a mercadotecnia e a atención postvenda, ademais de servizos para potenciar a actividade dos seus negocios en Internet.
As subvencións estaban dirixidas a autónomos, microPEME e PEME de ata un máximo de 49 empregados, dentro do sector hoteleiro e de aloxamentos de turismo rural. O programa oferta aos beneficiarios tres tipos de solucións e servizos tecnolóxicos:
- Solución de Xestión da Propiedade (PMS), que permita axilizar a operativa dun establecemento hoteleiro ou dun aloxamento rural, inclúe equipamento, instalación da solución e servizos asociados.
- Servizos para mellorar a web a través da realización de contidos audiovisuais ou dunha auditoría en usabilidade, posicionamento e estrutura da información.
- Servizos de mercadotecnia en liña coa elaboración dun plan estratéxico, a mellora da xestión de clientes, a adecuación das bases de datos á normativa vixente ou a reputación en liña da marca, entre outros.
Ademais da oferta de solucións e servizos tecnolóxicos, o programa complétase con 45 sesións de carácter eminentemente práctico no conxunto de Comunidades Autónomas ás que vai dirixido o programa. O seu principal obxectivo é ofrecer ás empresas as claves para a utilización das distintas canles de distribución a través da Internet, tanto de promoción coma de comercialización. Ademais, nos obradoiros, realizaranse sesións prácticas impartidas polas principais canles de busca e reserva a través de Internet (directorios e centrais de reserva) que foron seleccionados mediante un procedemento de convite público e, que, adicionalmente, colaborarán nas actuacións do programa.

PUBLICIDADE