Baía convoca un concurso en liña sobre o paxaro Rodribico

martes, 5 de abril do 2011 Redacción

Baía Edicións, da que falamos hai pouco en Código Cero para dar conta de novos recursos en liña para permitir que albisquemos o miolo dos seus libros por medio dun click, ten máis novidades dixitais das que informar, aínda que desta volta máis ligadas á nenez e ao lecer literario. Falamos dun concurso habilitado na súa páxina que conta cun personaxe de excepción a xeito mestre de cerimonias: o paxaro Rodribico.
O certame en liña, que terá de prazo máximo até o 13 de abril, inclúe cinco preguntas a superar sobre este personaxe e as súas aventuras e máis un premio ao alcance da man da comunidade internauta: os cinco títulos da colección que ten ao devandito paxaro como protagonista.
A resolución do concurso, conta Baía Edicións, farase pública o 14 de abril a través da páxina web da editorial galega e dos seus espazos en Facebook ou Twitter.
Os cinco títulos da colección son os seguintes: Rodribico aprende a votar, Rodribico e o mar, Rodribico vai ao circo, Rodribico visita a cidade e Rodribico e a noite.
Amais de dar acubillo ao concurso sobre este particular paxaro, Baía habilitou na súa web unha serie de actividades lúdicas sobre os devanditos libros, entre as que se inclúen accións en liña para rapazas e rapaces de Infantil e Primaria e xogos en descarga libre: colorear, debuxar, completar, recortar, resolver encrucillados, etc.

PUBLICIDADE