Baltar amosará na UIMP os proxectos da Deputación de Ourense en eAdministración

xoves, 13 de xullo do 2017 Redacción

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, amosará nun curso de verán da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) a súa visión dos gobernos provinciais como “cooperadores para o desenvolvemento dos pequenos e medianos municipios”, así como os proxectos da entidade provincial en materia de Administración Electrónica (proxectos de innovación tecnolóxica, transparencia, internacionalización, promoción turística e participación cidadá, desenvolvidos pola Deputación ao abeiro dos plans Ourense 92 e Ourense 15-19). O curso de verán celebrarase entre os días 11 e 13 de setembro en Santander e nel participarán como relatores, amais de Baltar, os presidentes das deputacións Jaén e Barcelona.
O programa da actividade abordará desde unha perspectiva multidisciplinar, xurídica, administrativa, política e financeira a realidade dos gobernos locais intermedios, a súa xestión e os servizos que ofrecen a concellos e cidadáns.
No ámbito político, Manuel Baltar, Mercé Conesa (presidenta da Deputación de Barcelona) e Francisco Reyes (presidente da Deputación de Jaén), analizarán nos seus relatorios o papel dos gobernos provinciais, mentres que as outras perspectivas da xestión administrativa dos gobernos locais intermedios serán abordadas no curso por xuristas, catedráticos, profesores e altos cargos da administración provincial. "Trátase dunha oportunidade para divulgar, debater e seguir avanzando na excelencia da xestión e na mellora dos servizos que ofrecen os gobernos locais intermedios", afirma Manuel Baltar.
A acción formativa está organizada pola UIMP en colaboración coa Fundación Democracia e Goberno Local, que celebra os seus 15 anos de existencia.

PUBLICIDADE