BeReal podería estar camiño do seu peche

venres, 15 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Hai un par de anos a aplicación móbil BeReal, que propoñía compartir imaxes naturais co que se estaba a facer nun momento ao chou do día amosando o que capturaba tanto a cámara traseira como a dianteira do móbil, formato que non tardou en copiar Instagram, pero que tampouco chegou a manter o pulo a longo prazo, de xeito que agora chegan informacións que apuntan a unha case segura morte de BeReal.
Ao parecer BeReal está estancado nun 25 millóns de usuarios activos ao día e 40 millóns de usuarios activos ao mes. Se temos en conta que en 2022 aseguraban ter 20 millóns de usuarios activos ao día, podemos entender que a compañía non consegue medrar, e tal e como funciona ese tipo de negocio iso supón que non ten atractivo para captar fondos.
Aseguran que a compañía só tería capital para manter a súa actividade uns 10 meses, polo que só poderían sobrevivir se xorde algún novo socio na súa axuda, aínda que semella máis probable que algunha compañía máis grande decida adquirilos.
Estamos ante un caso máis dunha compañía cun formato social innovador (como tamén foi durante a pandemia o social audio) que non foi capaz de consolidarse coa volta a normalidade, situación na que é moito máis complicado captar a atención dos usuarios, xa que teñen moitas fontes de lecer dispoñibles lonxe da pantalla do seu móbil.

PUBLICIDADE