Belenus: un proxecto de AGNIX para a creación dun equipo sen fíos, aberto e sostible

venres, 27 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

A última edición do Festigal, a alternativa laica ás lerias xacobeas da capital de Galiza no Día da Patria, serviu para lembrarnos ós asistentes unha serie de cousas, ou acaso para subliñalas con trazo nidio: 1º Asistir a un festival de música de balde con grupos de primeira é un privilexio que debe ser tido moito en conta. 2º A música en vivo, a arte, as actividades teatrais, a artesanía e o software libre fan boa mestura. 3º A banda Kroke podería estar tocando catro horas seguidas e, aínda así, saberíache a pouco. Sexa como sexa, e xa que isto é unha web de novas tecnoloxías, cómpre facer fincapé nalgunha das propostas que por alí se presentaron, concretamente no espazo reservado ó open source, que contou (por certo) con “emisión” en directo para os internautas. Neste senso, sinalar que a embaixada a prol do software libre foi completiña e cumpridora: acudiron membros de GALpon (os máis madrugadores?), Compostela Wireless, GLUG, Inestable e AGNIX.
Este último grupo presentou o Proxecto Belenus, unha iniciativa de código aberto desenvolvida co punto de mira do que ben podería ser o equivalente do software libre no eido da enerxía: as fontes de subministro limpas e sostibles.
Trátase pois dunha plataforma de conexión á Rede innovadora, tanto polo feito de abranguer dous mundos finalmente compatibles (os devanditos), como pola súa “arela” de independencia: independente do subministro eléctrico convencional e mesmo dos fíos polos que decote vén a Rede. E todo iso sen renunciar á banda ampla. Segundo explica máis polo miúdo a comunidade AGNIX na súa web, “pensamos nunha máquina con conectividade Wan fornecida pola rede UMTS, ou pola rede Wimax, no seu caso; unha máquina que non precise de cabos, nin de datos, nin de electricidade; unha máquina alimentada polo sol, ou polo vento”.
A idea do proxecto, en contra do que se poida pensar a simple vista (tendemos a pensar que o que opera con enerxías alternativas ten que ser, por forza, menos completo có que vén polos enchufes convencionais) é non renunciar ás vantaxes e posibilidades da banda ampla, imprescindible xa para tirar proveito das vantaxes da Sociedade da Información. O proxecto Belenus está deseñado para dar como resultado un computador tan completo coma calquera outro, e que sexa quen de levar a cabo calquera función que lle pidamos, “dende recoller de datos de calquera tipo de sensor electrónico, até operar como nodo de comunicacións nunha estrutura de rede máis complexa”, sinala o colectivo AGNIX.
En breve agardamos achegar máis información sobre a iniciativa.

PUBLICIDADE