Bill Gates e Steve Jobs participan nunha entrevista conxunta considerada histórica

xoves, 31 de maio do 2007 Marcus Fernández

A quinta edición da conferencia D: All Thing Digital organizada polo Wallstreet Journal en San Diego converteuse no evento do ano por servir de escenario para un encontro histórico, xa que os fundadores de Microsoft e Apple, Bill Gates e Steve Jobs, enfrontábanse conxuntamente e en público a unha entrevista na que Walt Mossberg e Kara Swisher lles tiraban da lingua facéndolles falar do pasado, presente e futuro das súas empresa e da relación entre estas dúas iconas da revolución informática nos EE.UU.
O morbo do encontro nace do feito de que ambos persoeiros teñen unhas visións moi distintas do sector tecnolóxico, xa que Microsoft apostou polo software mentres que Apple traballou por achegar os ordenadores persoais ó mercado de consumo, e historicamente se veñen cruzando acusacións de plaxio e de abuso de posición dominante, polo que parecía que o choque en público sería agresivo, aínda que finalmente a cordialidade e o sentido do humor reinou durante as súas intervencións.
Preguntado sobre a súa relación con Gates, Jobs comezou afirmando que levaban “10 anos casados en segredo” (o que provocou risas dos asistentes) e destacou os elementos que tiña en común co fundador de Microsoft, pois os paralelismos das dúas figuras son evidentes, xa que son os grandes protagonistas dos últimos 25 anos da informática.

Gates tamén fixo gala de sentido do humor, comezando a súa intervención afirmando que non é o suplantador de Steve Jobs nun popular blog, tralo que recoñeceu abertamente a súa admiración polo traballo de Apple na creación de equipos informáticos, e os dous entrevistados falaron en numerosas ocasións do seu traballo en común (hai que lembrar que Microsoft tamén comercializa programas informáticos para Mac).
Incluso cando trataron o tema dos reprodutores multimedia, Gates recoñeceu que Apple triunfou creando unha nova demanda no mercado cos seus iPod e que Microsoft aproveitou a situación para comercializar os seus Zune. Sen dúbida un encontro moi construtivo que pasará á historia por amosarnos ós dous persoeiros máis importantes do sector nunha entrevista sen ensaiar, rememorando as súas respectivas carreiras.
Velaquí unha escolma cos momentos máis representativos da entrevista:

PUBLICIDADE