BioShock Infinite chegará a Mac o vindeiro día 29

venres, 2 de agosto do 2013 Marcus Fernández

O xogo de Take-Two Interactive, BioShock Infinite, superou hai pouco os 4 millóns de unidades vendidas, confirmando o seu éxito que non é así só de crítica, senón tamén de vendas, e para que os usuarios de ordenadores de Apple non quedasen á marxe deste magnífico título Aspyr está a preparar a súa conversión a OS X, que ten previsto o seu lanzamento para o vindeiro día 29, estando xa dispoñible para a súa reserva por 44,99 euros.
BioShock Infinite para Mac precisa para funcionar un equipo con OS X 10.8.4 ou superior, procesador Intel Core 2 Duo de 2 núcleos a 2,2 GHz como mínimo, 4 Gb de RAM, 30 Gb de disco duro libre e unha gráfica nVIDIA GeForce 640M, Radeon HD 3870, Intel HD 4000 ou superior con 512 Mb de memoria de vídeo.
Dende Aspyr detallan que o xogo estará dispoñible de lanzamento tanto a través de Steam como da Mac App Store, ofrecendo ambas case o mesmo contido, de xeito que os usuarios poderán adquirir a versión que lles resulte máis cómoda (aínda que a pre-reserva do xogo só está dispoñible para Steam). Tamén confirman que a versión de Mac de BioShock Infinite contará cos contidos descargables da versión de PC (aínda que a posibilidade de mercar o pase de tempada do xogo só estará dispoñible en Steam).

PUBLICIDADE