BlackBerry estuda a súa venda

luns, 12 de agosto do 2013 Marcus Fernández

O pasado venres en Vigo xa se podía ver o novo BlackBerry Q10 <a href="http://blackberrydeveloper.es/eventos/workshop-de-webworks-para-blackberry-10-en-la-universidade-de-vigo/">co gallo dun obradoiro sobre BlackBerry 10</a>A comezos do verán a falta de confianza do mercado en BlackBerry confirmouse cun valor das súas participacións nos mercados bolsistas extraordinariamente baixo, chegando a caer por debaixo dos 10 dólares no NASDAQ (cando en 2007 chegaran a cotizar a 230,52 dólares) e en Toronto, situación que nos últimos días provocou o rumor de que a compañía podería estar a pensar en abandonar os mercados públicos, e que hoxe confirmouse parcialmente a través dun comunicado de BlackBerry no que aseguran que a súa directiva estableceu unha comisión especial para explorar estratexias alternativas para o futuro da empresa.
O novo equipo de traballo analizará a posibilidade de fusionarse con outras compañías, chegar a alianzas estratéxicas, vender a compañía ou realizar outras medidas que poidan contribuír a mellorar o valor da empresa e acelerar a adopción e BlackBerry 10, novo sistema operativo da compañía antes coñecida como RIM, que non está a ser capaz de recuperar a posición no mercado que tiña antes, quedando relegada como unha cuarta plataforma móbil, por detrás de Windows Phone 8.
A posibilidade de que BlackBerry sexa vendida a outra compañía e os rumores xurdidos a semana pasada están a provocar unha lixeira mellora das súas cotizacións bolsistas, pero non parece que vaiamos a ver operacións importantes nos vindeiros días, pois agora será cando a compañía canadense comece a negociar con outras compañías para intentar garantir a súa supervivencia nun sector moi competitivo.

Cotización bolsista de BlackBerry nos últimos anos

PUBLICIDADE