BlackBerry podería pechar a súa venda en novembro

mércores, 4 de setembro do 2013 Marcus Fernández

O pasado venres en Vigo xa se podía ver o novo BlackBerry Q10 <a href="http://blackberrydeveloper.es/eventos/workshop-de-webworks-para-blackberry-10-en-la-universidade-de-vigo/">co gallo dun obradoiro sobre BlackBerry 10</a>Tras o anuncio da compra de Nokia por parte de Microsoft lembrouse que nos últimos tempos os fabricantes de móbiles que entraron en perdas tardaron uns 2 anos e medio en desaparecer dun xeito ou outro, o que fixo que as miradas apuntasen a BlackBerry, compañía á que poderían quedar ata 6 ou 9 meses de vida, de aí que non sorprenda que The Wall Street Journal asegure que a compañía canadense está a acelerar os seus plans de venda, de xeito que someteríase a unha especie de poxa no mes de novembro.
Esta información proviría de fontes anónimas que aseguran que xa se realizaron distintas conversas para vender a compañía íntegra o parte da mesma, de xeito que xa estaría perfilado o procedemento para recibir ofertas e tomalas en consideración, dando a impresión de que a única saída de BlackBerry é a venda, polo que cumpriría pechar a operación máis cedo que tarde.
Nas últimas semanas comentouse que BlackBerry podería segregar o seu servizo de mensaxería, e incluso que a división de móbiles podería ir a parar ás mans de Microsoft. Sexa como fose, dá a impresión de que en poucas semanas decidirase o futuro dunha compañía que pese a liderar o seu sector hai poucos anos, atópase nunha situación crítica por non saber adaptarse ás demandas do mercado ignorando a emerxencia de iOS e Android.

PUBLICIDADE