BlackBerry publica unha carta aberta para recuperar a confianza no seu futuro

martes, 15 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Nos últimos meses son moitas as novas que están a pór en dúbida o futuro de BlackBerry, en vista da mala aceptación comercial de BlackBerry 10 e os seus terminais, así como polas perdas económicas rexistradas pola compañía canadense, o que levou a consultoras como Gartner a recomendar aos seus clientes corporativos a estudar e implementar alternativas a BlackBerry antes de 6 meses, destacando que os usuarios actuais deberían xa facer copias de seguridade dos seus plans de xestión de datos móbiles.
En resposta a esta visión negativa sobre o futuro da empresa, BlackBerry publicou unha carta aberta aos seus clientes, socios e seareiros na que aseguran que están a tomar medidas para reducir os seus gastos e garantir a viabilidade da empresa para que os usuarios poidan estar certos de que continuarán a poder empregar os seus servizos no futuro; aseguran que a plataforma BlackBerry 10 e os seus móbiles son unha excelente ferramenta de produtividade; destacan que seguen a contar cunha alta seguridade corporativa; inciden no feito de que están a mellorar as súas solucións de xestións de flotas de dispositivos para o que tamén comezarán a soportar a móbiles e tablets con iOS e Android; e chegan a asegurar que BlackBerry Messenger (BBM) é a mellor rede social móbil, que está a abrirse tamén a iOS e Android (aínda que parecen obviar a súa desastrosa estrea nestas novas plataformas que, tras os incidentes iniciais aínda non está operativa hoxe, subliñando só que hai preto de 6 millóns de usuarios agardando para probar esas ferramentas).
Resulta un tanto rechamante que realicen tal comunicado sen dar realmente ningunha novidade, de xeito que nin melloran a confianza en BlackBerry 10 nin deixan entrever como vai facer a compañía para recuperar a senda dos beneficios.

PUBLICIDADE