Blogs.com preséntase coma o espazo no que se recolle o mellor dos blogs

martes, 19 de agosto do 2008 Marcus Fernández

A xente de Six Apart (responsables de TypePad e Movable Type) tiña infrautilizado o dominio Blogs.com, e finalmente tiran proveito do mesmo para lanzar un novo servizo baixo o lema «the best in blogs», que vén a ser un agregador de blogs no que os editores desta web determinan a relevancia dos contidos.
En Blogs.com podemos atopar listaxes cos 10 mellores blogs organizados por categorías, dando especial relevancia ás Olimpíadas, a Obama ou á Xbox 360, figurando tamén seleccións de blogs feitas por presentadoras coma Morgan Webb, actrices coma Alyssa Milano ou xornalistas coma Chris Anderson.
O servizo tamén se pode interpretar coma un buscador de contidos de interese en blogs ou un directorio dos mesmos, aínda que polo momento só teña catalogadas unhas 1.200 bitácoras, polo que non parece que pretendan converterse en alternativa a Technorati, senón que dá a impresión de que podería ser unha canle de promoción para distintos blogs que aproveitarían así o tráfico que ten este novo espazo polo mero feito de contar cun nome de dominio atractivo.

PUBLICIDADE