Bloomberg afonda na revisión das gravacións de voz que realizan os altofalantes conectados

xoves, 11 de abril do 2019 Marcus Fernández

A chegada dos altofalantes conectados aos fogares foi un grande avance de cara ao uso ubicuo da tecnoloxía, pero tamén creou preocupacións sobre a protección da intimidade de cada usuario, e para afondar no asunto dende Bloomberg publican un interesante artigo no que dan conta do feito de que non todo é un traballo realizado por máquinas, senón que Amazon ten un equipo de traballadores escoitando o que os usuarios din a Alexa para ir mellorando o sistema.
Temos así que confírmase a sospeita de que o que digamos a un altofalante Amazon Echo podería escoitalo alguén, aínda que iso non debería preocuparnos, xa que as gravacións sonoras que realizan os dispositivos conectados chegan aos traballadores dun xeito anónimo (e tendo en conta que hai moitos millóns de usuarios, sería imposible identificar a ninguén), de xeito que as persoas o único que fan é escoitar, transcribir o que escoitan e devolver a transcrición, para que o sistema vaia aprendendo a recoñecer a voz humana tomando como base o coñecemento humano real.
Os traballadores de Amazon, repartidos por todo o mundo, teñen que asinar contratos de confidencialidade e revisan até un milleiro de cortes sonoros por quenda, que basicamente limítanse a entender o que os usuarios preguntan a Alexa, para que o recoñecemento de voz e a comprensión da linguaxe natural sexa cada vez mellor.
Amais, se un usuario está receoso da súa privacidade pode indicar que non quere que as gravacións da súa voz se empreguen para mellorar o recoñecemento de voz de Alexa. Tamén cómpre salientar que o micrófono non grava constantemente, senón só despois de entender que alguén dixo a palabra que invoca ao asistente de voz.

PUBLICIDADE