Blusens presenta preconcurso e acredores para renegociar con provedores e entidades bancarias

luns, 1 de xullo do 2013 Marcus Fernández

José Ramón García é o presidente executivo de Blusens

A empresa compostelá de electrónica de consumo Blusens vén de presentar preconcurso de acredores para renegociar a débeda coas entidades financeiras nun prazo duns 3 meses e poder así continuar coa súa expansións, medida que só afectará á división española da compañía. Dende Blusens aseguran que o “estrangulamento financeiro” xa os levara a perder 50 millóns de euros de pedidos asegurados en 2012 por “non dispor do financiamento bancario para realizar as transaccións”.
A empresa presidida por José Ramón García está a buscar autofinanciamento e fondos de investimento para operar no mercado no que se move Blusens, e onde o pagamento da produción ao contado e de xeito inmediato é vital, aínda que o cobro dos produtos non chega ata os 120 días, provocando unha fiestra de tempo que precisa de colchón económico para superarse.
Blusens ten obxectivos de crecemento, recollidos no seu Plan 2020, que continúa vixente, e a través do que buscan manter unha presenza global, para o que precisaron de ampliacións de capital. O principal reto da compañía é agora manter fluxos de financiamento que permítanlle manter o pulo do seu negocio, pois mentres entre 2007 e a actualidade dobraron a súa facturación, as súas liñas de financiamento bancario caeron de 44 a 20 millóns de euros, o que tiveron que superar en boa medida con fondos propios.

PUBLICIDADE