Boa acollida do iPhone 4 en España

venres, 30 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Tras varias semanas de espera fronte ao lanzamento norteamericano, o iPhone 4 de Apple chega finalmente a España, por primeira vez a través de 3 operadoras de telecomunicacións, dicindo adeus á exclusividade de Movistar, e traendo a competencia a través de Vodafone e Orange, destacando estas dúas últimas compañías por abrir varias das súas tendas ás 0:00 horas para que os máis impacientes puideran facerse cun iPhone 4 xa de madrugada, o que non evitou que se formasen colas neses establecementos elixidos, entre os que destacou o de Vodafone en Sevilla, que converteu o evento en toda unha festa. Curiosamente, a emblemática tenda de Movistar no centro de Madrid, que non abría pola noite, chegou a congregar a entre 30 e 40 persoas que durmiron fronte as portas do establecemento para poder ser os primeiros en adquirir o desexado móbil pola mañá.
Pese á polémica da antena do iPhone 4 (que os primeiros posuidores españois do novo móbil de Apple consideran desproporcionada ao comprobar en primeira persoa que coas redes 3G españolas) as vendas do terminal están a ser moi boas, e xa hai problemas de abastecemento (en boa medida por mala planificación por parte das operadoras, que durante as últimas horas parecían estar repartindo os móbiles de xeito aleatorio nas súas diferentes canles de venda, ao que se sumaron caídas nas páxinas web das 3 compañías que venden o iPhone 4). A propia Orange adiantou ás 17:00 horas que xestionara a venda de máis de 8.000 iPhone 4 en España a través de tendas físicas, páxina web e vía telefónica, sendo o terminal máis solicitado o modelo con 16 Gb de capacidade.
Os interesados en facerse cun iPhone 4 deberán agora decidir a compañía coa que o adquiren, así como a tarifa a contratar, o que é un proceso sumamente complexo, pois a diversidade de contratos e prezos é moi ampla, polo que recomendamos consultar a táboa de prezos elaborada por Xatakamovil, na que amosan o prezo do iPhone 3GS, o iPhone 4 de 16 Gb e o iPhone 4 de 32 Gb cos distintos consumos mensuais (sumando voz e datos) de Movistar (azul), Vodafone (vermello) e Orange (laranxa) así como as condicións das tarifas destacadas (ás que habería que incluír o 18% de IVE).


Nacho de Microsiervos comprobou que o problema da antena do iPhone 4 non é especialmente grave

Táboa comparativa de prezos do iPhone 4 Elaborada por Xatakamovil

PUBLICIDADE