Boa recepción da aula móbil de Movistar no seu primeiro mes e medio de actividade

luns, 9 de abril do 2012 Redacción

En mes e medio desde a súa posta en marcha un total de 2.415 persoas se achegaron a aula móbil de Movistar, que está a percorrer 34 municipios galegos co obxectivo de achegar as vantaxes e utilidades de internet á poboación rural. As accións céntranse nos municipios aos que o Plan de Banda Larga da Xunta e Movistar xa posibilitaron a conexión á Rede.
Desde o inicio do seu percorrido en Cambre o 18 de en febreiro, o Roadshow visitou 16 municipios das catro provincias galegas e está previsto que continúe a súa ruta pola Comunidade ata mediados de maio.
Nas próximas semanas o Roadshow Movistar Galicia, que comezou o mes de abril nos municipios de A Pastoriza e Pol, visitará os concellos de Cedeira, Cabanas, Narón, Tui, Mondaríz, Salceda de Caselas, Ponteareas, Tomiño, O Rosal, Vilaboa, San Cibrao das Viñas, Rodeiro, Silleda, Abegondo, Vilalba e Lalín.
O Roadshow Movistar Galicia conta con 18 postos con ordenador nos que de xeito gratuíto se levan a cabo diferentes demostracións para ensinar a todo o que queira achegarse a facer unha compra en liña, solicitar unha cita médica ou consultar todo tipo de información (prensa, música, ofertas de emprego, partes meteorolóxicos, trámites coa Administración a través da sede electrónica da Xunta etc.). A aprendizaxe está guiada en todo momento por persoal especializado de Telefónica.
Desde a Axencia para a Modernización e Galicia destácase como unha das vantaxes desta iniciativa a posibilidade de informar a pé de rúa ao cidadán dos avances do Plan de Banda Larga na súa localidade e tamén de xerar demanda de uso informando das vantaxes que internet lle pode proporcionar a cidadáns e empresas no día a día.

PUBLICIDADE