Os xogos de Super Nintendo protagonizan un novo cómic humorístico

luns, 3 de outubro do 2016 Marcus Fernández

O ano pasado o creador de banda deseñada Juan Carlos Bonache conseguiu trunfar en Verkami coa súa campaña para levar ao papel as súas viñetas de GameBoyLands, e hoxe este creador barcelonés volve á carga, deixando a un lado a cor verdosa da súa anterior obra e apostando por unha publicación a toda cor, Super Games World, que está baseada exclusivamente en xogos para a consola Super Nintendo, e que tamén busca converterse en realidade a través de Verkami, conseguindo superar a barreira económica fixada para o proxecto en menos de nove horas, confirmando o interese que ten a mestura do humor coa cultura dos videoxogos retro.
O novo cómic de Bonache recolle historias de humor baseadas en títulos como Super Mario Kart, Donkey Kong, Super Ghouls and Ghost, The Legend of Zelda ou Final Fight, e non só evoluciona recollendo as viñetas en toda cor, senón que dá un paso adiante publicando as súas 60 páxinas en tapa dura. O volume pode adquirirse por 15 euros (gastos de envío incluídos) aínda que a campaña conta lotes máis demandados actualmente polos mecenas nos que se inclúen carteis de Super Kart Race, láminas, copias dixitais do cómic, chapas e orixinais, estando prevista a entrega das recompensas para marzo de 2017.

Mostra do novo álbum de Bonache

PUBLICIDADE