Bota a andar Talentia 2023 cun foro para reflexionar sobre innovación tecnolóxica

xoves, 9 de novembro do 2023 S. P.

O auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago) acolle este venres ás 10.00 horas, o foro inaugural de Talentia Summit, feira organizada polo Concello compostelán que este ano leva por lema Coñeces o traballo do futuro? O evento contará coa participación de destacados expertos e expertas en innovación tecnolóxica e Intelixencia Artificial, políticas de conciliación e talento local. A nota musical da xornada poraa o grupo Eladio y los Seres Queridos.
A apertura do Foro Talentia correrá a cargo da primeira tenenta de alcaldesa e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas; o secretario xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta, Pablo Fernández; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.
As súas intervencións darán paso ás conferencias de nove destacados relatores, que reflexionarán sobre os cambios que supón a Intelixencia Artificial no mercado laboral, os novos modelos para o desenvolvemento do talento local, ou os restos das políticas de conciliación. O foro estará conducido pola xornalista Ainhoa Apestegui.
Relatorios
A primeira conferencia da xornada correrá a cargo de Alex Rayón, fundador e director executivo (CEO) de brainandcode.tech, que falará sobre Intelixencia Artificial Xerativa, un mundo de posibilidades laborais. Tras del, Susana Pascual, CEO en Pixelshub e divulgadora científica experta en disciplinas STEAM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemática), ofrecerá unha conferencia baixo o título Construíndo o teu futuro; falemos de liderado, STEAM e vocacións. Santiago Domínguez, CEO e co-fundador de Mestrelab Research, ten prevista unha intervención titulada Transformando unha economía rexional a través do emprendemento, a innovación, a dixitalización e as ciencias da vida. Con persoas, por persoas e para persoas".
Pola súa banda, a directora executiva de LiKaDI e creadora de SinGENEROdeDUDAS, Carmen Castro, reflexionará sobre se Podemos alcanzar unha verdadeira conciliación laboral?, e Tino Fernández, presidente executivo do grupo galego Altia e vicepresidente do Clúster TIC de Galicia, falará sobre Tecnoloxía. A gran oportunidade.
O Foro Talentia continuará coas intervencións de Ignacio Ramos, director cooperativo de estratexia de persoas e infraestruturas de GMV, sobre Intelixencia Artificial xerativa, non destrutiva; Anna Cabó, fundadora de LaGroc, en torno ás Políticas de conciliación e retención do talento; e Guillem García Brustenga, experto en transformación dixital da educación na UOC, cunha charla titulada Máis alá da dixitalización: educación e emprego na era da IA. A última conferencia da xornada correrá a cargo de Isabel Pernas, vicepresidenta de Creativas Galas, que falará sobre O impacto do talento creativo na economía circular.
Feira Talentia
A Feira virtual de Talentia Summit xa está tamén aberta ao público, e conta con máis de 25.000 usuarios e usuarias únicas na web talentiasummit.com. Desde ese portal pódese acceder a un amplo catálogo de actividades gratuítas, cunha gran oferta formativa. Nos cursos 100% en liña para a súa realización por libre xa se esgotaron as máis de mil prazas dispoñíbeis, pero aínda se aceptan reservas para acceder á plataforma Linkedin Learning; para cursos en aula virtual con titor en directo; mentorías profesionais; ou cursos para a obtención de certificacións profesionais. A través da web tamén foron xa intermediados máis de 700 currículos, e fixéronse case 400 reservas de citas con empresas e para mentorías profesionais.
O próximo luns, celebrarase a feira presencial do Talentia no Palacio de Congresos, con stands de diferentes empresas e unha ampla oferta formativa. En concreto, prevense 19 cursos cun total de máis de 300 prazas, a maioría deles ofertados en colaboración coa Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, e tamén da man de Creativas Galegas. Así, haberá talleres de comunicación, técnicas de venda, uso de aplicacións móbiles para a procura de emprego, introdución á Intelixencia Artificial, paquetería creativa ou seguridade alimentaria.
A oferta presencial complétase cun espazo para as asesoramentos (mentoring), con 350 prazas.

PUBLICIDADE