Bota a camiñar o primeiro proxecto de micromecenado arqueolóxico da nosa terra

luns, 13 de xullo do 2015 Fernando Sarasketa

A semana pasada presentouse en Pedornes, Oia, un proxecto galego de dinamización social e turística destinado a recuperar e reivindicar o patrimonio castrexo da costa sur galega mediante a fórmula do traballo colectivo (arqueoloxía en comunidade). Segundo se fixo saber, o proxecto ten nome de seu, Costa dos Castros, e páxina propia, costadoscastros.com. A iniciativa inclúe a posta en marcha dun sistema de rexistro arqueolóxico dixital en colaboración coa firma británica DigVentures. O obxectivo é “facer accesíbeis para todos os públicos os datos das escavacións mediante as novas tecnoloxías”. Segundo se fixo saber estamos “ante o primeiro crowdfunding arqueolóxico de Galicia”.
O proxecto de micromecenado (pequenos investidores que xuntan forzas a través das redes e fan posíbeis iniciativas iniciativas que doutro xeito ficarían no tinteiro) presentado vén da man de catro comunidades de montes da costa sur de Galicia, coa colaboración do Concello de Oia, asociacións de hostaleiros locais, o INCIPIT-CSIC e a devandita firma DigVentures. A contorna a impulsar é o treito de beira marítima que vai dende baía de Baiona ao esteiro do Miño, un arco costeiro que agocha once castros e ducias de estacións de arte rupestre. Este rico patrimonio, fíxose saber no acto de presentación, foi o que animou ás catro comunidade de montes da contorna a crear a etiqueta Costa dos Castros.
A campaña de micromecenado presentada vai dirixida a que a veciñanza da contorna poida recadar fondos e actuar directamente sobre varios destes enclaves arqueolóxicos. Faise como dixemos en colaboración con DigVentures, unha empresa británica que xa levou a cabo con éxito un bo número de iniciativas deste tipo no seu país. Tamén participan antropólogos da institución científica INCIPIT-CSIC, que farán un seguimento de Costa dos Castros como un exemplo de novos xeitos de facer arqueoloxía no marco do proxecto europeo NEARCH. Ademais, a institución tecnoloxía para os traballos arqueolóxicos.
A un nivel máis local as comunidades de montes reciben o apoio do Concello de Oia; de ANABAM e ACAMO -asociacións pola ecoloxía e o patrimonio, respectivamente- e de hostaleiros locais. Segundo se informou no acto de presentación, a colaboración destes últimos é “imprescindíbel” para o lanzamento da páxina web do proxecto, un sitio que ademais servirá como guía turística da zona e para canalizar as achegas orzamentarias do crowdfunding. Isto farase a través do apartado Colabora da web, onde calquera pode apoiar o proxecto Costa dos Castros.
Ademais da presentación da páxina do proxecto e da campaña de crowdfunding, no acto de posta en longo da iniciativa Costa dos Castros tamén se adiantaron os traballos arqueolóxicos previstos para este ano polas Comunidades de Montes de Mougás, Oia, Pedornes e Viladesuso. A contorna na que actúan estes colectivos, engadiuse, acubilla 11 castros en tan só 7 quilómetros de costa. “Os asentamentos sucédense case en liña recta dende Baiona ata Santa Trega en A Guarda”, explicouse, ao tempo que se lembrou que algúns asentamentos atópanse no alto dos montes e outro abaixo nos terreos lindeiros ao mar. Por certo que o traballo arqueolóxico para este ano comezará polos tres castros en altura, asentamentos que probábelmente estivesen conectados entre si para controlar, de xeito conxunto, toda a liña da costa. A intención agora é estudar o seu sistema de ocupación no territorio para comprender mellor toda a paisaxe.
Os castros nos cumios son os da Cabeciña, Cano dos Mouros e Chavella. O castro da Cabeciña xa se escavou hai uns meses, segundo se informou “con resultados espectaculares”. Estes traballos aumentaron os devezos por saber máis sobre o asentamento, explicouse. A ampliación da zona de escavación na Cabeciña está prevista para este agosto.
O castro de Chavella foi limpado e topografado o pasado 2014, e practicaranse unhas sondaxes valorativas en outubro. O obxectivo é avalialo e comprobar se houbo unha torre medieval dentro da fortaleza, tal e como aparece na documentación. Por outra banda, no castro de Cano dos Mouros nunca se fixeron traballos arqueolóxicos. A idea é comezar este setembro cunha limpeza vexetal e un levantamento topográfico.
A campaña
Como dixemos, para financiar estes traballos lanzouse unha campaña de crowdfunding arqueolóxico, case con toda probabilidade a primeira das súas características na nosa terra. Materializando esta vía de financiamento atópase a plataforma de DigVentures, que informa que os colaboradores recibirán unha recompensa que varía segundo o nivel das achegas. O nivel máis básico de participación (15€) fainos membro do innovador Equipo Dixital de Escavación. Os integrantes terán acceso privilexiado a través dunha aplicación móbil ao rexistro arqueolóxico dixital e información actualizada do día a día da escavación no castro de Chavella.
Pola outra banda, o nivel de participación máximo (920€) implica poñernos mans á obra xunto cos arqueólogos. Trátase dun formato de financiamento que DigVentures leva varios anos pondo en práctica “con notábel éxito”, dende os seus inicios en 2012 cando recadou 27 mil libras para Flag Fen, un asentamento da Idade de Bronce no este de Inglaterra.
“No crowdfunding de Costa dos Castros”, sinala a firma británica, “hai opcións para todos os graos de implicación e diferentes recompensas, incluíndo, ademais da participación no equipo dixital e de campo, unha impresión 3D do achado estrela da campaña deste ano no castro de Chavella; unha árbore xeolocalizada na plantación didáctica de Mougás, ou a camisola de deseño cunha reprodución do petroglifo do barco”.

PUBLICIDADE