Brión recoñecerá as competencias profesionais dos instaladores de telecomunicacións con experiencia

venres, 20 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

O concello coruñés de Brión, pioneiro no emprego e promoción das novas tecnoloxías entre a cidadanía, vén de informar da apertura dun prazo para adquirir o recoñecemento de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral de varias modalidades, entre elas as dos instaladores de comunicacións.
Trátase dunha convocatoria que realiza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación.
Nesta convocatoria, acreditaranse un total de 17 modalidades, entre as que salientamos a de xestión administrativa, instalacións elécticas e automáticas, instalacións de telecomunicación, electromecánica de vehículos automóbiles e eficiencia enerxética e enerxía solar térmica.
Tamén se acreditarán outras como a de cociña e gastronomía, servizos en restauración, xestión de aloxamentos turísticos e laboratorio de análise e control de calidade, entre outras.
As persoas interesadas en solicitar o recoñecemento dalgunha destas competencias profesionais deberán dirixirse á Casa da Cultura (981 509 908). O prazo de inscrición remata o vindeiro 15 de febreiro. Para presentar a solicitude será preciso encher unha folla de inscrición, presentar un historial persoal de acordo co modelo currículum vitae europeo, informe de vida laboral, declaración responsable de non estar matriculado ou cursando un curso de FP e unha fotocopia compulsada do contrato de traballo ou certificación da empresa onde adquirise a experiencia laboral.

PUBLICIDADE