COGAMI e Galegolab, premiadas polo seu traballo a prol da accesibilidade e a cultura

martes, 14 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Modernización vén de recoñecer o labor despregado en liña a prol da promoción cultural e a igualdade de condicións para tódolos cidadáns á hora de ter acceso ás redes do coñecemento. Máis polo miúdo, o departamento da Xunta decidiu premiar seis iniciativas inseridas nos devanditos obxectivos sociais e culturais cun importe total de 46.000 euros. Os galardóns, convocados para impulsar o labor de particulares e asociacións non empresariais sen arela de lucro, artelláronse en dúas categorías, unha centrada no eido da tecnoloxía social e a inclusión e outra na do impulso da nosa identidade. Na modalidade de contidos públicos en Rede dirixidos a persoas con dificultades de inclusión dixital, resultaron recoñecidos dous proxectos, un da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e outro da rede RaícesGalegas.org.
Segundo informa Modernización, a primeira entidade recibirá 10.000 euros para o portal web accesibilidade.cogami.es, que ten como finalidade achegar datos de valor sobre as vantaxes da Sociedade do Coñecemento para as persoas con diversidade funcional e sobre os mellores métodos para tirar partido completo delas. Trátase dunha web dirixida tamén a organizacións públicas e privadas, aos arquitectos, aparelladores e profesionais que traballan informando e asesorando sobre estas materias.
Polo que respecta á segunda iniciativa premiada, Raícesgalegas.org, dicir que se trata dunha “dun innovador servizo de Internet, onde tanto os galegos que queren atopar aos seus familiares emigrados a outros países como os emigrados que buscan a familiares en Galicia dispoñen dun punto de reunión virtual”. A iniciativa recibirá unha contía de 8.000 euros. Amais de todo isto, e xa nun eido máis cultural, dicir que tamén resultou recoñecida con 10.000 euros a plataforma Galegolab.org, iniciativa da que temos falado nesta web e que se dirixe a tirar proveito das capacidades de mobilización e participación das redes 2.0 para pór en marcha diversos proxectos de pulo á nosa lingua e cultura. Tamén resultaron galardoadas iniciativas como Patrimonio cultural de Vigo, que recibirá unha achega de 8.000 euros, a rede social Querocaldo.org, que percibirá unha contía de 5.000 euros e máis a proposta Riotorto no Tempo Accesible da Asociación Cultural Arrincadeira, que será obxecto dun apoio por valor de 5.500 euros. Trátase esta última dunha iniciativa dos veciños localidade luguesa de Riotorto para recuperar a historia deste concello a través da creación dunha base de datos documental con fotografías xeolocalizadas.
Avaliación
Segundo apunta Modernización, “en canto aos criterios de avaliación para a elección dos traballos premiados, o xurado valorou a posibilidade de emprego do traballo nas plataformas tecnolóxicas máis estendidas no mercado tanto de escritorio como móbil, utilizando os navegadores web máis empregados, a calidade e a claridade da documentación técnica e dos manuais de usuario”. Tamén se terán en conta os aspectos funcionais, técnico-estéticos e psicolóxicos. Outro punto a valorar polo xurado foi o grao de innovación da idea, tanto no ámbito autonómico como no estatal ou mundial. A xeorreferenciación das imaxes e o emprego de licenzas libres e estándares abertos tamén puntuaron á hora de elixir aos premiados.

PUBLICIDADE