COGAMI incrementou o seu labor de apoio en materia de trámites electrónicos coas administracións

venres, 13 de agosto do 2021 S. P.

A confederación galega COGAMI, a través da área de Promoción de Autonomía Persoal, fixo balance de dos seus servizos prestados en materia de trámites coas administracións ao longo dos sete primeiros meses de ano, servizos cos que se buscou facilitar as operacións das persoas con discapacidade e das familias coas entidades públicas. Foi un traballo principalmente dixital, debido á pandemia e á saturación de demandas nos Servizos Sociais Comunitarios. Por esta razón, os ditos colectivos tiveron que incrementar a súa asistencia a COGAMI demandando apoios como o acompañamento para realizar xestións de recursos na Administración.
O balance puxo de manifesto varios datos relevantes. En primeiro lugar, que debido á escasa atención presencial incrementouse a necesidade de tramitar telematicamente dende a cidadanía, para solicitar citas ou para a realización das propias xestións administrativas. En segundo lugar, a obriga de operar en liña revelou a existencia dunha importante fenda tecnolóxica entre estes colectivos, xa que “non todas as persoas están formadas en competencias dixitais”.
No que vai de ano, foron 342 as xestións de recursos realizadas por COGAMI, superando as de anos anteriores por estas datas.
Asemade, lévanse realizados 235 proxectos de intervención nos que se atenderon a un total de 226 persoas, sendo 156 mulleres con discapacidade. Estas actuacións realizadas con mulleres procuran diminuír a existencia continuada de discriminación e prexuízos inxustificados e invisibilizados que as privan da oportunidade de exercer os seus dereitos en igualdade de condicións, como tamén se realiza un acompañamento ás vítimas de violencia por atoparse nunha maior situación de vulnerabilidade.

PUBLICIDADE