Caixanova amplía os seus servizos de móbiles e banca electrónica

luns, 29 de outubro do 2007 Raquel Noya

A fin de axilizar as operacións dos seus clientes evitando que teñan que desprazarse ás oficinas físicas para efectuar xestións cotiás, a entidade galega Caixanova vén de ampliar o número de operacións que se poden realizar a través dos seus servizos móbiles Mnova e de Banca electrónica.
Así, o paquete de solucións móbiles que viña ofrecendo Caixanova dende hai algún tempo incorpora agora dúas novas opcións: Mnova avisos e Envío de mensaxes, que se suman ás anteriores Mnova móbil, Mnova SMS e Recarga de móbiles e, mediante elas, os clientes xa poden dispoñer de información sobre os produtos e servizos que teñen contratados con Caixanova en calquera momento e dende calquera lugar, segundo informa a banca galega. Máis polo miúdo, o novo servizo Mnova avisos, permitiralles ós usuarios que se dean de alta no servizo recibir mensaxes de texto ou correos electrónicos con avisos sobre saldos, movementos ou operacións que teñan realizado, así como enviar mensaxes de texto a través da páxina web da entidade.
Asemade, na liña de facilitarlles outras operacións máis habituais ós seus clientes, a caixa de aforros vén de ampliar tamén as funcionalidades do seu servizo de banca electrónica eNova, para que se poidan consultar as domicializacións asociadas a unha conta, ver os recibos emitidos nos últimos 13 meses, cambiar a conta de cargo ou dar de baixa unha domicialización a través de Internet.

PUBLICIDADE